Dende a Limia
18:30 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

A IX Festa Popular e o festival "Laroucofest" homenaxean este ano á vida sa e á natureza

| 22 de Julio de 2017 (20:15 h.)

Haberá un  recoñecemento á doutora Olimpia Valencia, primeira médica xinecóloga de Galicia.

A IX Festa Popular e o festival musical "Laroucofest" do Concello de Baltar homenaxean este ano á vida sa e a natureza, eventos que se celebrarán o vindeiro 29 de xullo con actividades lúdicas, deportivas e musicais e cun recoñecemento á doutora Olimpia Valencia, primeira médica xinecóloga de Galicia. A presentación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do alcalde de Baltar, José Antonio Feijoo, e dos representantes de "Laroucofest", Verónica López e Floren Fidalgo.

"Cada ano o municipio de Baltar reinvéntase para sensibilizar sobre a protección da natureza e conxugar ocio, música e deporte, nun programa de actividades que congrega nesta contorna, aos pés da Serra do Larouco, a centos de persoas", afirmou Rosendo Fernández. Nesta mesma liña, o alcalde de Baltar subliñou "a grande implicación da mocidade do municipio, o que fai posible que poidamos organizar este evento, todo co obxectivo de seguir recuperando e mantendo as nosas tradicións e promocionando a vida saudable e as riquezas turísticas do noso concello".

Un especial significado ten este ano esta festa, na que colabora a Deputación de Ourense, coa homenaxe á doutora Olimpia Valencia, que será nomeada Filla Predilecta do Concello de Baltar, acto que se celebrará o mesmo día 29 de xullo, ás 18.45 horas, e no que se descubrirá unha placa na súa memoria no centro de saúde.

Xuntos aos xogos populares e ás actividades gastronómicas, que se desenvolven ao longo de toda a xornada, ás 12.00 horas celebrarase o campionato pre-europeo de parapente e, pola tarde, unha exhibición deste deporte e de paramotor. Xa pola noite, ás 22.00 horas, dará comezo o festival "Laroucofest" coas actuacións dos grupos: "Os da porfía", "Tanto nos ten", "The tetas van" e "Sacha na horta". Finalmente, ás 23.00 horas terá lugar unha proba voluntaria de alcoholemia, "coa que queremos sensibilizar á xuventude sobre as prácticas de ocio saudable, para o cal, aqueles xoves que dean negativo na proba serán agasallados cunha camiseta con lema "Engánchate á vida sa", comentou Floren Fidalgo.