Dende a Limia
16:07 h. Jueves, 29 de Junio de 2017

Bande acollerá a III edición da BTT do Peixe

| 10 de Agosto de 2016 (10:07 h.)
btt en Bande
btt en Bande

O Concello de Bande acollerá o día 20 de agosto, a III edición da BTT do Peixe que conta cun percorrido de 37 quilómetros de dificultade media-alta. A presentación desta cita deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de Bande; José Antonio Armada; e o membro da organización da BTT, David Sánchez. 

 

A Deputación de Ourense “apoia este tipo de iniciativas que aglutinan deporte, saúde e natureza, e que permiten aos participantes gozar da riqueza paisaxística deste municipio”, asegurou Rosendo Fernández. Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a oferta deportiva e cultural do Concello de Bande “no que hoxe debutan as Xornadas de Folclore”.

 

A saída desta proba deportiva de carácter lúdico e non competitivo, terá lugar ás 9.00 horas, na Praza da Constitución do municipio. “Trátase dunha ruta de 37 quilómetros de lonxitude con catro avituallamentos. O percorrido cambiámolo cada ano para dar a coñecer distintas zonas do Concello de Bande”, explicou David Sánchez.

 

A data escollida para a celebración da proba é “porque nesta época hai moita xente que vén de vacacións e buscan actividades durante a súa estancia, para elo puxemos a súa disposición un servizo de aluguer de bicicletas con diferentes empresas, que lle van permitir recoller a bicicleta e entregala no propio punto de saída”, asegurou David Sánchez.

 

Pola súa parte, o alcalde de Bande agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “sen o cal sería difícil levar a cabo moitas destas probas que nos axudan a promocionar o noso municipio”, e engadiu, “os participantes desta ruta poderán gozar do noso paraxe do Xurés e da Baixa Limia. Asemade a proba coincide coas festas patronais de Bande, polo que o clima festivo se engade tamén a esta celebración”.

 

“Espero que este sexa outro evento máis con éxito de participación e, sobre todo, un éxito para o Concello de Bande, como teñen sido as anteriores edicións e os eventos que estamos a realizar, como a última andaina e trail que se fixo”, asegurou José Antonio Armada.

 

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 16 de agosto, a través da páxina web www.bandebtt.es, ou nas dependencias do Concello ou do Pavillón de Bande. O prezo da inscrición é de 10 euros e inclúe “un obsequio dunha mochila técnica, unha paella para todos os participantes ao finalizar a ruta, e acceso gratuíto ás piscinas do concello”, dixo o membro da organización da BTT.