Dende a Limia
03:40 h. Lunes, 20 de Febrero de 2017

A Universidade de Compostela seguirá co apoio ás investigacións en Aquis Querquennis

| 13 de Octubre de 2016 (12:33 h.)

    O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, visitou o campamento militar romano Aquis Querquennis de Bande, para reforzar o apoio da USC nas investigacións do xacemento. Estivo acompañado pola directora do Centro de Estudos de Historia e Cultura da USC, Ana Goy e o secretario, Carlos Gómez. Ata o embalse de As Conchas tamén se achegaron representantes da Fundación Aquis Querquennae-Vía Nova, Antonio Rodríguez Colmenero e Santiago Ferrer. Tampouco faltou a presenza do rexedor de Bande, José Antonio Armada.

A xuntanza foi unha ocasión para tratar vindeiras vías de colaboración da USC, a Fundación e Xunta de Galicia co fin de darlle auxe ó xacemento. 

A Universidade de Santiago traballa agora coa posibilidade de crear unha escola de arqueoloxía e favorecer así a participación dos universitarios en campañas de verán como prácticas dun máster. Así as cousas é un proxecto de futuro pois a falta de financiación impide que se poña xa en marcha.

A visita coincidiu co fin das excavacións levadas a cabo pola Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova e nas que participaron 5 persoas baixo a dirección do arqueólogo Santiago Ferrer. Os traballos comezaron no mes de setembro na zona do xacemento onde se atopan letrinas, un barracón de tropa e unha parte da muralla. Do que se trata é de reconstruír a zona aínda que para iso precisan de financiación.

Neste punto Antonio Rodríguez Colmenero bota en falta máis apoio da Xunta de Galicia para conservar un espazo que chegou a estar ocupado por máis de 500 lexionarios entre os séculos I e II.