Dende a Limia
16:31 h. Jueves, 20 de Septiembre de 2018

Os Blancos pide un rescate financeiro á Deputación de Ourense, afogado pola débeda millonaria

O. Ferreiro | 12 de Diciembre de 2017 (23:39 h.)
José Manuel Castro, alcalde popular dos Blancos.
José Manuel Castro, alcalde popular dos Blancos.

O Concello dos Blancos activou os trámites para traspasar á Deputación os servizos de abastecemento, saneamento e o Imposto de Bens Inmobles (IBI) para acceder a un crédito do Instituto de Crédito Oficial que lle permitirá emendar a débeda de 1,7 millóns de euros que mantén coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria.

Así o confirmou este mércores o alcalde popular do municipio, José Manuel Castro, quen concretou que a medida é "unha dispensa de servizos permitida" pola lei e que rexeitou que esta cesión de competencias supoña unha intervención tal e como denuncia a oposición "porque vai quedar o equipo de goberno sacando proxectos adiante".

Na actualidade o Concello dos Blancos ten unha débeda total de 3,2 millóns de euros.

Na actualidade o Concello dos Blancos ten unha débeda total de 3,2 millóns de euros. Á Seguridade Social correspóndenlle 1.599.903,43 euros e á Axencia Estatal Tributaria 42.456,04 euros. O resto son débitos a provedores (un millón de euros) e á entidade crediticia Abanca (uns 50.000 euros).

Castro explicou que para acceder ao rescate financeiro de 1,7 millóns de euros foi preciso presentar un "plan de axuste" que pasa por transvasar competencias ao ente provincial por un período inicial de dous anos, prorrogables. "Calculamos que serán necesarios entre oito e dez anos para pagar a débeda".

O plan tamén contempla a desaparición de seis postos de traballo no municipio limián.

O plan tamén contempla a desaparición de seis postos de traballo, entre os que se atopan o de secretario e o de interventor, cuxas funcións pasarán a ser exercidas por persoal da Deputación de Ourense. Para o rexedor, estas medidas non suporán "ningún recorte de servizos para os veciños". Ademais, confirmou que existe un acordo coa Deputación para que un dos traballadores da Deputación "estean diariamente" nas instalacións municipais. O alcalde explicou que este recorte de persoal supoñerá un aforro próximo aos 120.000 euros anuais para as arcas municipais, o que "permitirá sufragar o 85% do crédito anual sen a necesidade de tomar "medidas draconianas" para afrontar a débeda co Instituto de Crédito.

A reacción dos socialistas dos Blancos non se fixo esperar. Para a portavoz do PSOE dos Blancos, Emilia López, esta decisión supón "quedar sen Concello" porque o ente local "converterase nunha sucursal" da Deputación "para recadar diñeiro e porque haberá que ir ata Ourense para todos os servizos".

O alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, formou parte no seu día do partido independente Alternativa Popular Galega.

O portavoz socialista na Deputación Francisco Fraga, López alertou de que "esta intervención" supoñerá un encarecemento nos servizos que reciben os veciños dos Blancos.

Castro estima que a cesión de servizos dos Blancos á Deputación farase efectiva no primeiro trimestre de 2018. Antes terá que afrontar unha serie de trámites administrativos. Así, este mércores a comisión de Cooperación da Deputación debaterá a proposta, que será presentada, votada e aprobada no pleno do mes de decembro. A continuación, o ente provincial, que dirixe o tamén popular Manuel Baltar, presentará o proxecto á Xunta de Galicia que deberá dar o visto e prace definitivo ao plan.

O alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, formou parte no seu día do partido independente Alternativa Popular Galega, pero en outubro de 2014 sumouse ao PP de Ourense, que lidera Manuel Baltar.