Dende a Limia
15:07 h. Martes, 17 de Octubre de 2017

O I Festival Reina Loba conxuga ocio e aprendizaxe

| 01 de Septiembre de 2015 (17:48 h.)
Presentación do I Festival Reina Loba
Presentación do I Festival Reina Loba

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel“ da Deputación de Ourense, acolleu esta mañá a presentación da primeira edición do Festival Reina Loba que terá lugar no concello dos Blancos os días 3,4 e 5 de setembro. Trátase dun festival con diferentes propostas culturais tanto de música como de outras manifestacións artísticas dirixidas a todos os públicos.

O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o asesor de Cultura da Deputación, César Fernández, o alcalde dos Blancos, Jose Manuel Castro e o representante do colectivo Espacio Matrioska, Iván Prado.

A Deputación de Ourense colabora con este festival pois tal e como manifestou Rosendo Fernández, “a institución provincial está ao carón das iniciativas que parten da cidadanía e que se esforzan en crear contido cultural no rural”. En canto a mestura de ocio e aprendizaxe que conxugan na programación deste festival, Rosendo Fernández asegurou que dende a Deputación de Ourense “sempre defendemos a faceta didáctica da actividade cultural”.

O Festival Reina Loba abrangue todo un abano de ofertas culturais que van dende concertos de música alternativa, exposicións de artes plásticas ata charlas e talleres de artesanía. As actividades comezarán o xoves, 3 de setembro, e o portavoz do colectivo Espacio Matrioska, destacou que o festival “tenta ser familiar, que non só asistan adultos senón tamén os máis cativos con prácticas como poden ser a pintura mural, o circo malabares, teatro, expresión corporal, e intentamos chegar a parte máis esquecida da sociedade, aos anciáns e que teñan cabida nos nosos proxectos”.

A entrada para participar nestas actividades será gratuíta. Ademais os interesados en gozar da programación durante os tres días poderán acampar nunha zona habilitada para isto.

César Fernández destacou que esta iniciativa “non só é cultura, é defensa do medioambiente, educación en valores... en definitiva un evento que concentra unha serie de aspectos que dende a Deputación Provincial de Ourense sempre se intenta poñer en valor e defender”.

Pola súa banda, o alcalde dos Blancos quixo agradecer á organización esta iniciativa porque a través deste tipo de eventos se dinamiza a cultura no rural, e engadiu “esperamos que este festival se converta nun referente para Ourense pero tamén para toda Galicia”.