Dende a Limia
00:55 h. Martes, 12 de Diciembre de 2017

O PSOE DE OS BLANCOS DENUNCIA O CORTE NO SUBMINISTRO DE AUGA POTABLE DENDE O LUNS PASADO, SEN QUE O ALCALDE DESE EXPLICACIÓN ALGINHA Á VECIÑANZA

| 18 de Septiembre de 2016 (11:08 h.)
os blancos
os blancos

Emilia López Blanco, portavoz socialista no Concello de Os Blancos, faise eco das numerosas queixas dos veciños e veciñas que levan padecendo un corte no subministro da auga potable que xa dura dende o pasado luns 12 de setembro. Dáse a circunstancia, ademais, que dende o 15 deste mes, levan festexando a celebración da Virxe das Dores, cos atrancos que a falta de auga conleva para a hostalería e as familias que reciben aos seus convidados/as. De todos os xeitos, tal como denuncian dende o PSOE, a situación é o suficientemente grave xa no día a día, á marxe de celebracións, posto que os veciños e veciñas carecen de auga para beber, asearse e cociñar. Asemade, ao despropósito de levaren tantos días sen un servizo prioritario e fundamental, únese a total desidia por parte do Alcalde do Concello, quen non diu explicación algunha á cidadanía e ofrece a calada por resposta. Supónse, tal como relatan os socialistas, que hai unha avaría que impide o subministro da auga corrente pero non hai unha explicación oficial nin se publicou Bando de Alcaldía algún nin se anunciaron medidas.

Dende o Grupo socialista no Concello de Os Blancos coidan que se trata dunha deixadez absoluta de funcións por parte do Alcalde do PP. Están a estudar, de feito, a asunción de medidas legais en contra dunha actuación denigrante para co pobo que gobernan, deixando á cidadanía sen un dos servizos máis básicos. Non houbo, nin tan sequera, por parte do goberno municipal, un anuncio de restricción, onde se deixen unhas horas de subministro á veciñanza para poderen levar a cabo funcións básicas e, tampoco, houbo a intención de pedir axuda para paliar esta grave situación. É por isto que, o luns vindeiro, os socialistas van rexistrar un escrito perante o Concello esixíndolle que realice as xestións oportunas para reverter esta penosa situación e devolverlle o servizo de auga corrente ao pobo. Non é de recibo, declara Emilia López, que o Alcalde non pedira axuda á Xunta ou á Deputación para que mandasen un camión-cisterna que puidese aliviar a falta absoluta de auga potable.