viernes 20.09.2019

O Couto Mixto extreará unha obra de teatro sobre a súa historia

Presentsrase o sábado 6 ás 13:30 no adro da igrexa de Santiago de Rubiás

Xosé Manuel Cid; Rosendo Fernández , e Mary González
Xosé Manuel Cid; Rosendo Fernández , e Mary González

A Deputación de Ourense, a través do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, desenvolveu durante o pasado ano e este verán numerosas actividades encamiñadas á dinamización da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. No marco deste proxecto atópanse diferentes iniciativas nas que a Deputación de Ourense colabora para dinamizar esta zona, como a promoción e difusión da historia do Couto Mixto con obras teatrais que ensinen a historia deste lugar.

A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o representante da Asociación de Amigos do Couto Mixto, Xosé Manuel Cid; e o representante da Asociación Platea Lúa, Mary González, encargada da representación.

Esta actividade conseguiu o ano pasado “concentrar a máis de 200 persoas no adro da Igrexa de Santiago de Rubiás, a antiga capital do Couto Mixto, para coñecer a súa historia”, salientou Rosendo Fernández. O Couto Mixto, un enclave de tres parroquias situadas entre España e Portugal, funcionou como unha república independente desde a Idade Media ata finais do século XIX. “Tratouse dun territorio cheo de singularidades históricas e culturais que remataron coa sinatura do Tratado de Lisboa en 1864”, lembrou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense, “consciente da importancia deste lugar e da súa historia única” –dixo Rosendo Fernández- colabora con esta iniciativa que, no marco do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, desenvolverá unha serie de iniciativas culturais enfocadas a reivindicar e dignificar a historia do Couto Mixto, co fin de dar a coñecer as súas singularidades históricas e culturais a tódolos veciños e visitantes da RBTGX.

Para elo, coincidindo co día de elección dos xuíces honorarios do Couto Mixto, o sábado 6 de xullo de 2019, ás 13.30 horas, a asociación Platea Lúa, amosará dun xeito ameno e didáctico a historia do Couto Mixto a través dunha pequena representación teatral protagonizada por catro personaxes que axudarán a coñecer as singularidades dun enclave único no territorio galego, español e portugués, así como europeo. “A idea é que a xente aprenda a través da diversión e a visita durará uns 20 minutos”, explicou Mary González. A representación realizarase no adro da igrexa de Santiago de Rubiás.

Previamente, ás 12.00 horas, serán nomeados “os tres xuíces honorarios, que normalmente recaen en persoas físicas que desenvolven algún labor ao redor do Couto Mixto. Este ano recaeu en Mercedes Vázquez, polos seus traballos etnográficos sobre este singular enclave; Xesús Díaz, quen acaba de publicar un poemario inspirado no Couto Mixto; e o terceiro, que normalmente é para unha institución, este ano recae no Concello de Melgaço que é o que nos faltaba do lado portugúes”, explicou Xosé Manuel Cid.

Así mesmo, ao longo do verán desenvolveranse actividades de dinamización das Portas do Xurés, en concreto na Porta de Calvos de Randín, centro de interpretación do Couto Mixto, situado na reitoral de Santiago de Rubiás, realizaranse obradoiros de sensibilización, para que tódolos habitantes e visitantes da RBTGX coñezan os seus recursos naturais e culturais.

O Couto Mixto extreará unha obra de teatro sobre a súa historia