Dende a Limia
02:17 h. Lunes, 11 de Diciembre de 2017

1893: O primeiro pararraios de Xinzo

| 04 de Diciembre de 2017 (21:03 h.)

592Entre as lembranzas da miña nenez que gardo con máis agarimo nesa gabeta que todos temos nun recuncho do noso maxín, está a dos días de treboada. Era escoitar o son do trono, para querer saír fóra a ver os lampos de cores dos lóstregos. E con eles, lembro a voz da miña avoa, dicindo que se abrisen portas e fiestras da casa para que de entrares un raio, puidese saír sen que a ninguén lle fixese mal. Confeso que, daquela, tíñalle moito medo ós lóstregos.

Porén, Benxamín Franklin non lle tiña medo e cavilaba seguido na súa idea de que as nubes estaban cargadas de electricidade e que os raios eran só descargas eléctricas que procedían desas nubes.  Confirmou as súas sospeitas un día de trebón, facendo voar un papaventos con armazón de metal atado a un fío de seda que levaba no seu extremo unha chave metálica e que se cargou de electricidade. A resultas do experimento inventou o pararraios no ano 1753, que se estendeu rapidamente: case trinta anos máis tarde, no 1782, xa existían uns catrocentos pararraios en América. No ano 1760 o aparello chegou a Europa.

E como a esta nosa terra sempre chega todo tarde, o primeiro pararraios que se instalou en Xinzo chegou cento corenta anos despois da súa invención. O lugar escollido para o mesmo non foi outro que a que todos os limiaos coñecemos como igrexa vella. Tan sonada foi a cousa, que o xornal La Voz de Galicia, fíxose eco da nova un 27 de maio de 1893. Así o contou, literalmente, o xornalista:

Por iniciativa del Alcaide de Ginzo de Limia, va a llevar a cabo aquella Corporación una mejora importante, cuya necesidad se dejaba sentir hace mucho tiempo en este pueblo. Trátase de la instalación de un pararrayos en la iglesia del pueblo, no comprendiéndose cómo hasta hoy no se echó de menos tal necesidad, pues dadas las tempestades en aquel país, milagro ha sido que la mole de hierro de la parte superior de la torre no hubiese sufrido desperfecto por alguna descarga atmosférica, que vienese a llenar de consternación al vecindario, como recientemente sucedió en Melías.

Por la festividad del Corpus se confía en que estará colocado, pues, el pararrayos, cuya instalación la dirigirá el joven encargado de la estación telegráfica de aquella villa, Sr. Rodríguez Cobelas (D. Baldomero), a cargo de quien ha corrido también el pedido del material necesario.

Téñome sentado moitas veces nos bancos de pedra do adro da igrexa vella, para contemplar dende eles a súa fachada románica. Creo que a próxima vez que o faga non hei de preguntarme polas agullas ausentes do reloxo de sol, senón máis ben por cantos raios teñen caído nela. Moitos ou poucos, aí segue, en pé, pois ningún conseguiu partila.

 

Rafael Laso Lorenzo