Dende a Limia
00:27 h. Miércoles, 17 de Enero de 2018

Ano 1465: Cincuenta mil ras da Limia en Inglaterra

| 10 de Enero de 2018 (22:17 h.)

Ata hai uns días, nada sabía eu de George Neville, clérigo inglés fillo dos condes de Salisbury e que parece ser, segundo consta documentalmente, acadou sona de grande lampantín. Naceu nunha data imprecisa alá polo ano 1432 e finou un oito de xuño de 1476. Chegou a ser arcebispo de York e chanceler de Inglaterra.

19Souben deste home por medio de Bernardo Miranda, poeta e filósofo natural de Mondoñedo, de quen tampouco tiña escoitado falar, que viviu dacabalo de finais do século XIX e principios do XX. Mais o andar a pescudar entre libros e xornais antigos, trae, ás veces, achados marabillosos e fermosas descubertas. Seica este home adoitaba colaborar e publicar artigos e poemas en xornais da época. E aquí comeza a historia do título deste artigo.

Debullando entre as páxinas dun xornal do 9 de febreiro de 1915, atopei un artigo titulado “Un banquete inglés” asinado así: Bernardo Miranda, Filósofo mindoniense. E dedicado a don Manuel María Puga Parga, máis coñecido como “Picadillo”, unha institución nos eidos da gastronomía. No texto do artigo, fálase do banquete que o tal George Neville ofreceu o día da súa entronización como Arcebispo de York no ano 1470. Na procura de información sobre o mesmo, atopei que a citada cerimonia non aconteceu nese ano, senón no mes de setembro de 1465 en Cawood Castle e que foi unha grande demostración do poderío económico da familia do arcebispo. Non había ser para menos, posto que durante todo o tempo que duraron os fastos, houbo que alimentar case que 2500 persoas, entre os que había membros da nobreza, abades, bispos, avogados, relixiosos e toda a súa corte de escudeiros e servidores. Cóntanos Miranda, que para preparar o xantar foron necesarios 62 cociñeiros, 512 pinches de cociña e mil criados para servir as mesas.

Dinos o noso cronista que foi tal “la profusión de manjares y bebidas” que a cousa mereceu a honra de figurar nos arquivos da Torre de Londres, onde se garda unha relación das viandas que se consumiron e entre as que están “4000 palomas, 2000 pollos, 104 pavos, 100 docenas de codornices, 113 bueyes, 608 lucios y besugos, 1000 ovejas, 304 terneros, 2000 cerdos, ... 4000 tartas al horno, 2000 natillas calientes con una cantidad proporcional de pan, delicias azucaradas y pasteles, y 300 toneles de cerveza...” e máis cousas que non cito aquí para non facer unha lista interminable. Cómpre dicir que corrixín algunhas das cantidades cos datos citados nun artigo da prestixiosa Enciclopedia Británica.

Porén, na citada relación tamén figuran produtos españois e por suposto galegos. A lista destes últimos, en palabras de Bernardo Miranda, inclúe entre outras cousas de comer as seguintes: “200 barriles de vino de Amandi, 200 corzos de la Carballosa; 100 jabalíes del Freijo; 800 perdices de las Grañas del Sor; 600 piramidales quesos de San Simón; 2.000 capones de Villalba y 100.000 muslos de ranas de Ginzo de Limia”.

O meu abraio cando lin isto último foi enorme. En canto tempo se pescarían as 50.000 ras na lagoa de Antela? E como se transportarían ás terras da Inglaterra? E algo que me gustaría saber. Mais iso aconteceu cincocentos anos antes de nacer eu. Se a viaxe dun elefante no século XVI dende Portugal a Austria, deulle a Saramago para unha fermosa novela, non daría para menos esa viaxe das ras da Limia.

18Finalmente, no remate do seu relatorio, Bernardo Miranda cóntanos: “Este mismo Neville, que abusó así de su opulencia, vino a morir de hambre y de miseria, pues Eduardo IV, codiciando las riquezas del Arzobispo de York, hizo que este viniese a acabar sus días en una prisión de Francia”. Pola miña parte, que queren que lles diga. Dáme pena este arcebispo que morrendo tan novo (44 anos) e sendo un gran comellón, tivese que rematar os seus días a pan e auga e non por unha enchente. Algún pecado grande tivo que cometer para que esa fose a súa penitencia.

 

Rafael Laso Lorenzo