Dende a Limia
09:38 h. Miércoles, 23 de Agosto de 2017

As vacacións e os turistas

| 09 de Agosto de 2017 (22:17 h.)

363Levo xa uns días de vacacións. Ata o de agora todo o tempo foise indo en facer pequenos arranxos na casa, cousas coas que sempre hai que enredar: quitar as herbas do xardín, arranxar as plantas... A verdade que nunha casa por pequena que sexa, sempre hai traballo. Mais as vacacións son tamén para xogar co meu fillo, ir a praia con el e pasarmos moito tempo xuntos. Aquí, na vila de Moaña onde paso estes quince días de descanso, hai moitas posibilidades para os cativos. Supoño, que o mesmo acontece en moitas outras vilas desta terra nosa. Despois, pola noite, é un bo momento para sentar na terraza e contemplar o mar da ría de Vigo, coas estrelas no ceo.

Este ano, a vila está moi concorrida, hai moita xente que a escolleu como destino das súas  vacacións. Hai un par de días, agardando a miña quenda para mercar uns xeados, decateime de que na cola o neno e mais eu estabamos en medio de franceses. Diante nosa, un señor maior que lle facía sinais a unha muller sentada á unha mesa na terraza a poucos metros; detrás, un matrimonio cun par de cativos. Pouco despois, vimos no parque varias nenas xogando cos seus pais e que falaban en inglés. Non me atrevo a asegurar que fosen da Inglaterra. Ese mesmo día, fomos á praia pola tarde. Unha vez estendidas as toallas, á nosa dereita estaba unha familia de alemáns; avó, pai e nai xunto con tres nenos, a cada un máis louro.

364Ó día seguinte, fomos pasar a tarde cuns amigos na praia de Liméns. E alí, vimos dúas familias enteiras de franceses, que imaxinamos de París, polo que puidemos entender da súa conversa.

Non quero insistir máis nesta xente estranxeira que vou atopando por aquí e que vai deixando o seu diñeiro nos comercios e restaurantes locais para ledicia dos propietarios e traballadores dos mesmos. Máis agora, cada vez que os vexo pola rúa non deixo de pensar neses mozos da CUP dos que lin na prensa que andan a meterse cos turistas en Mallorca, Barcelona e Valencia. Seica na primeira cidade asaltaron un restaurante, varios iates, fixeron unha manifestación e encheron moitas paredes de pintadas contra o turismo. Resúltame difícil atoparlle unha explicación o asunto porque creo que non a ten. Sobre todo porque me parece máis difícil aínda imaxinar que nas familias deses mozos non haxa ninguén que viva do turismo.

 

Rafael Laso Lorenzo