Dende a Limia
04:00 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

Barcelona

| 21 de Agosto de 2017 (20:45 h.)

385O venres pola noite quixen poñerme a escribir este artigo. Non puiden, foime imposible. Os meus dedos negábanse a avanzar polo teclado do computador. Premín unha tecla, dúas, tres... as letras negáronse a saír na pantalla. As letras ficaban presas pola carraxe. A alma ateigada de dor e de noxo. O corpo enchoupado en rabia. A imaxinación apreixada por unha ira paralizante. O cerebro, cheo de ideas espesas, tomado por unha irritación permanente desde que souben da noticia. O maxín ocupado polo furor e tomado polo título dunha novela de William Faulkner: O ruído e a furia. Unha novela que se resume en tres palabras fundamentais: decadencia, dexeneración, disolución. Un autor que dicía sempre que non lle interesaban as ideas, só as persoas. No entanto, a palabra respecto batía nos meus oídos, resoando cun zunido especial, como o dun avión a piques de despegar. A palabra respecto querendo fuxir do dicionario.

Hai xa uns cantos anos estiven en Exipto. Aproveitei para visitar unha mesquita, cousa que nunca vira. Para entrar nela tiven que descalzarme, como corresponde o costume musulmán. Tempo despois, non lembro onde, entrei nunha sinagoga xudía e tiven que poñer unha kippah, esa pequena gorra típica dos xudeus. Cuestión de respecto das ideas alleas. Por iso non podo comprender cousas como a de Barcelona. Unha falta de respecto pola vida humana, pola vida de homes, de mulleres, de nenos. Non podo entender como un rapaz case neno aínda (dezasete anos, segundo os xornais) pode matar xente, matar nenos que nada lle fixeron. Vidas segadas ó chou, talvez sen máis razón que un xeito de pensar diferente.

Porén, que todos non pensemos igual debería ser positivo. Isto é algo evidente na ciencia, pois o progreso e a evolución científica están onde están grazas as distintas aportacións de moitas persoas diferentes, sen distinción da súa raza, cor de pel, sexo ou das súas crenzas relixiosas. Como os mortos e feridos nos atentados de Cataluña, esnaquizados todos eles por un rapaz que non comprendía a palabra respecto.

  

Rafael Laso