Dende a Limia
04:11 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

"Caminante no hay camino, se hace camino al andar" - ANTONIO MACHADO.

| 18 de Agosto de 2017 (13:44 h.)

379Non sei que estaría a pasar pola cabeza nos intres que este gran escritor escribiu estas verbas: supoño que no continuo vaivén da vida mesma, que non deixa de ser un camiño no que debemos pousar nosos pasos;

Estes días pensando en que escribir, a primeira idea que solapou meu cerebro foi unha "figura" moi especial, por elo, onde Machado pon "caminante", eu poría, entre outros, "emigrante"...

Case que o percibimos como algo histórico, pero segue acontecendo ó noso carón, nas nosas xeracións.

Disque os primeiros que tiveron que deixar ás súas familias marcharon por España adiante, logo tiraron para Cuba...e despois xa era o máis normal asentar en Alemania ou Suíza, por por un exemplo. Daquelas a falta de traballo ou a mesma ideoloxía política facía escapar das raíces, ou o que é peor, dos fillos, dos pais;

Fai pouco leín que dende o ano 2002 non se volveu a dar un dato tan baixo de natalidade na provincia...pero vamos a ver, ¿con quen?, ou sinxelamente, ¿quen?, a ver como te pos de acordo para facer un fillo na distancia (ó mellor xa se pode por internet), seica ata da a risa pero graza non ten moita o asunto.

Cando volvín á cidade das Burgas, non quedaba case ninguén dos compañeiros de anos de colexio, e deso non fai tanto tempo. A maioría, opositaron e marcharon á capital, onde inda hoxe comparten piso a golpe de apuntar gastos en libretas malgastadas, para chegar á fin de mes. Algúns non valorados na terra son agora eminencias noutros países; ou outros, sen mais, asentados en cidades coma Londres dando o callo de camareiros para aprender ben o idioma e de paso quitar uns duros, (perdón, euros).

E quizais entre que van pasando os anos, chámante para dicirte:  “vou a Galiza este finde”, “-Ah si?, preguntas”, “-Si, vou ver miña aboa que me criou e a pobriña xa vai maior e a verdade é que é como si fora miña nai.” (Claro rei, porque túa nai estaba 14 horas nunha fábrica de Alemania para mandar os cartiños para eiquí e ti poder ter teus estudios.)

Un ruxe ruxe na alma e no corazón, do que fai a maleta para ter que marchar só co billete de ida, sen poder coller o de volta, case como o mariñeiro cando deixa terra mar adentro, latidos desbocados en despedidas de lágrimas contidas para que os que quedan non sufran tanto o momento.

Emigrante onte, hoxe… e quen sabe o que lle terá preparado o futuro ós nosos fillos.

Para eles vai hoxe meu homenaxe, porque penso que en toda familia galega alomenos un anda bailando polo mundo, vaia vostede a saber se o seu, que está a ler estas verbas, é ese da canción que di: “Hai un galego na lúa lúa…”

Ós que estades a gozar estes días da terra que vos viu nacer moito ánimo cando toque voltar, ós que non podedes vir, sempre un pedaciño voso con nos;

E que se abran moitas portas para que queden cerquiña os que empezan a “facer o camiño ó andar cando non hai camiño”.

Diana Budiño Calvo