Dende a Limia
10:46 h. Viernes, 25 de Mayo de 2018

Carta aberta a Telecinco.

| 17 de Abril de 2018 (19:54 h.)

Prezada canle de TV:

196Diríxome a vostedes con dúas preguntas: Escribirán algún día Barcelona con “v”? Ou informarán dunha noticia en Lérida? Se iso ocorrese, talvez non me parecería mal que á miña vila a denominasen Ginzo de Limia e á miña provincia Orense. Porén, que queren que lles diga, dubido que iso aconteza.

Non sei se saben que as redes sociais están a ferver, coa captura da pantalla acaída por mor do asolagamento das chairas da antiga lagoa de Antela coa chuvia. Si, esa pantalla dun informativo no que vostedes escriben Ginzo de Limia e Orense. Talvez non o saiban, porque dáme no corpo que as únicas noticias das redes polas que semellan amosar interese son aquelas que atinxen aos seus programas estrela.

Non sei se saben que o topónimo oficial, de acordo coa lexislación vixente, é o de Xinzo de Limia. De non sabelo, coido eu que habería que informarse (non debe resultar tan difícil, pono xa mesmo na Wikipedia). De facelo así, tamén saberían que, anos atrás, a grafía de Xinzo era Jinzo. Podemos velo en moitos mapas antigos, por exemplo no Mapa Geográfico del Reyno de Galicia realizado no ano 1784 por don Tomás López de Vargas Machuca, xeógrado da S.M. e natural de Madrid.

Resulta curioso que esa grafía histórica con “J” é a correspondente á actual fonética do noso idioma irmán, o portugués, e que se pronuncia como o “X” galego. Non quero estenderme en temas lingüísticos, habería para falar abondo durante longo tempo. Casos como o dun xornalista que se referiu ao adestrador do Chelsea como Llosé Mouriño ou dunha xornalista que lle chamou Llesé a Jesé, xogador canario no seu día de Real Madrid ou Las Palmas e hoxe no Stoke City inglés, escoitámolos todos os días.

Mais a min, señores de Telecinco, o que me gustaría sería que respectasen o nome da miña vila. E tamén menos Sálvames e máis programas culturais.

 

 

Rafael Laso Lorenzo

anle de televisión: