Dende a Limia
11:48 h. Martes, 16 de Enero de 2018

COUSAS DE NAIS

| 28 de Diciembre de 2017 (22:14 h.)

Non hai nada neste mundo máis importante ca unha nai. Unha nai é amor, é protección. Por iso, cando te atopas enfermo ou te sentes mal por algo, é a primeira persoa que che vén á mente para ter ao teu lado é a túa nai. E dá igual as voltas que dea a vida, ela sempre as dará contigo, sempre estará aí para ti.

3Así que, ademais de humor, isto é unha homenaxe a todas as nais.

Porque sodes as mellores mestras da gran carreira universitaria que é a vida, xa que ninguén nos vai ensinar nunca tantas cousas coma a nosa nai. Por darnos a vida ao nacer, e seguir dándonola cada día. Por crer en nós, e facernos crer que somos capaces de todo. Porque para vós, os vosos fillos sempre son os máis guapos, os máis listos, os máis simpáticos; e non hai nada mellor que saír da casa polas mañás queréndose a un mesmo. Porque nunca se poderá explicar con palabras xa inventadas o que é o amor de nai. Mamá: por quererme, por ensinarme que eu son eu e ninguén debe cambiar iso, por ensinarme esas cousiñas tan importantes que non se aprenden nos libros, por ensinarme a QUERER, a AMAR e a VIVIR. Avoa: por coidarme sempre, tanto antes en persoa como agora dende o ceo. Por esa conexión tan especial que é para sempre, porque aínda que a vida non sexa eterna, as cousas realmente importantes si o son.

Por todo isto e moito máis, a todas as nais, as de aquí e as do ceo, dicirvos GRAZAS. Porque nunca vos poderemos agradecer o suficiente todo o que facedes por nós.  

E dito isto, gustaríame volver ao tema de mestras da vida, porque isto gústalles moito. Parece que non, pero si analizamos as frases típicas dunha nai, atopamos ensinanzas de todos os tipos.

Quen non escoitou nunca iso de: “E se Fulano se tira dunha ponte, ti tíraste tamén?” Isto é unha clara forma de ensinarche a ter personalidade propia.

Tamén é moi típica a súa ensinanza de filosofía lóxica: “-Mamáááá, que hai de comer?  -Comida!”  (Non me digas, mamá…)

Mamá tamén nos ensina os distintos rexistros da lingua: “Ei, báixame ese toniño que non estás falando cos teus amigotes”  (Ninguén sabe exactamente en que momento o teu ton de voz se converte no famoso “toniño”, pero pasa)

Son moi típicas as ensinanzas relixiosas: “Reza para que esa mancha saia da alfombra…” (Ai meu Deus, a que armei! A cousa é grave! Pai noso que estás nos ceos, santificado…)

Ensínannos como acabar unha discusión tendo a razón: “Non, e punto”, ou “Por que? Pois porque son a túa nai” (Argumento máis que convincente, mamá, aí déchesme)

E tamén non ensinan a orixe das cousas, como os documentais de National Geographic: “Pero ti que cres, que o diñeiro crece das árbores?”, ou “Ti debes pensar que os cartos se plantan na horta” (Pois non sei, a verdade, pero non sería mala idea. Plantar os cartos coma se fosen tomates. Mm… Entón os bancos serían invernadoiros, mamá?)

Despois están as ensinanzas demográficas sobre alimentación mundial: “Non deixes nada no prato, ti sabes cantos neniños se morren de fame no mundo?” (Mamá, e ti sabes cantos papás e mamás morren de fame no mundo, por que non o comes ti?)

Ensinan tamén que ás veces hai que saber facerse a vítima: “Vós debedes pensar que tendes unha serventa na casa”, “Parezo a vosa chacha”, “Se algún día vos faltou eu que faredes…” (Se nos faltas ti arranxámonos perfectamente, mamá. Ah, por certo, non saberás onde está a miña mochila negra, verdade? Non a atopo.) 

Esa é outra, as cousas perdidas. Cando lle preguntas á túa nai onde está algo, quedas como estabas, porque só hai tres posibles respostas:

  1. No seu sitio.
  2. Onde ti o deixaches a última vez.
  3. Ti saberás.

 

Conclusión, estás amolado. Mal porque segues sen sabelo, mal porque terás que seguir buscando e mal porque non o vas atopar e volverás suplicándolle a túa nai a súa axuda. E a resposta será algo así como “Vou ter que ir eu?”. É dicir, que como vaia ela e o atope xa sabes o que che toca: “E que sempre igual, parezo a chacha. Ai, se vos falto eu… Chegaríavos a merda ata o pescozo, non sabedes nin onde deixades as cousas…”

Aínda que isto de que as nais estean sempre pendentes de todo ten as súas vantaxes. Por exemplo, se non te acordas das tarefas que che quedan por facer, só tes que sentarte no sofá e ela comeza a recordarchas todas. “Ala, ti xa te cansaches, non? Xa non pensas facer nada máis? Nin recolliches a habitación, nin me fuches comprar, nin fixeches os deberes para o luns…”

Pero moito coidado, isto tamén ten as súas cousas malas. Nunca, nunca se pode dicir diante da túa nai a frase: “Non teño nada que facer.” E moi, moi perigoso, porque ela enseguida te pon a facer algo, e moito.

Dito todo isto, despedirme co mellor consello que vos darán nunca (exceptuando os consellos de nai):

Ela é a persoa que máis vos quere do mundo. Coidádea e querédea moito, porque nai só hai unha.

Alba Domínguez Marra