Dende a Limia
18:32 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

O divino sainete e o chotis madrileño

| 27 de Julio de 2017 (13:53 h.)

“O debate, seguido en silencio polo conxunto dos contertulios, rematou dun xeito pouco amistoso, cando el lle recordou ó fiscal a parábola dos talentos e a dignidade bíblica do cargo da acusación pública.” (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

338Querido sobriño:

Nestes tempos que corren, de estío abrasador, emboutados de fastío perdurable, éche mellor non falar de política nin de fútbol. Vaque si? A non ser que esteas disposto a correr o risco de que unha invasión ulcerosa che acabe perforando a víscera dixestiva situada entre o esófago e o intestino, ata converterche o estómago nun auténtico cribo.

Así que, visto o visto, é recomendable –e reconfortante- facer o papaleisón, coma se non soubeses de que vai a cousa. Se algún colega repugnante quere amolarche a sesión vermú, contándoche as falcatrúas dese amigo de Aznar, tan importante e ben peiteado, que se foi sen previo aviso, ti alégalle que o chotis é un baile que denota chulería nos homes e amais as mulleres van ataviadas con mantón de Manila. Cando algún cuñado tocagüevos pretenda amargarche o xantar na casa da sogra, o día da festa da patroa, empeñándose en trapelear sobre a visita aos xulgados do Presidente do Goberno, o que tes que facer é recordarlle o fervor relixioso do ex-ministro Jorge Fernández Díaz e, se sigue porfiando, bótalle a culpa de todo a Puigdemont. En fin, se un veciño cargoso, no canto de opinar do tempo, se pon a falar no ascensor dese fulano do fútbol –como se chama?- ao que se se lle agarran os billetes ao sabugo dos dedos, malia ter as uñas tan ben recortadas, deberías facer fincapé en que, o feito de que Felipe Juan Froilán sexa un tarambaina, non é por mor do segundo apelido que figura no seu “de-ene-i”, senón por non terse graduado no Instituto Lucus Augusti. 

Ao fin e ao cabo, de que che vale perder o tempo falando das travesuras desa xente? Deixa aflorar a nostalxia e limítate a pensar que a declaración de Rajoy no xulgado foi algo así coma cando chegabas á alfándega e un señor uniformado che preguntaba, «Ten algo que declarar?», e ti sempre respondías, «Non señor, non levo nada». Logo mandábache abrir o maleteiro e ti, con moito disimulo, ensinábaslle a matrícula. Sen máis prolegómenos o axente cadrábase e despedíase cun lacónico «Siga!». Sentíaste importante, arrancabas o motor, rubíache a ledicia polas veas e púñaste a asubiar, porque ías chegar á casa co coche ateigado de paquetes de café Sical, de augardente vella, de toallas baratas e de tres botellas de Mateus Rosé. Que tempos!, dixo Añón.

Ah! Unha aperta do teu tío, e a gozar que son dous días! Lisardo Quintas Teixeira.

Xosé Antón Jardón Dacal.