Dende a Limia
13:55 h. Domingo, 25 de Febrero de 2018

E nós que facemos?

| 27 de Enero de 2018 (15:03 h.)

“Os seus silencios obríganme a falar, e as súas palabras melancólicas son como pedras que baten na miña fronte”. (As rulas de Bakunin, Antón Riveiro Coello).

61A paisaxe que se avista no horizonte galego non é a máis bonita das posibles. Despois dun ambiente tan chamuscado, ao longo de moitos anos, os galegos non damos collido outra traza que non sexa a de seguirmos de papaleisóns, conformándonos con esa cor monótona e uniforme, sen tonalidades –o gris marengo– que nos pintan dende Madrid, malia as refinadas técnicas de colorear da “jet-set” política do noroeste peninsular. Esa que, cando viste traxe azul cobalto, nunca o fai para conxuntar coa bandeira galega, senón para exercer de devota da santísima recentralización que nos escraviza.

Porén, se a cor que nos gusta –e a que nos convén– é o verde esperanza, ou nos pomos xuntos a debuxala canto antes, sen reparar en tonalidades, ou o gris cincento que nos apampa acabará sendo negro de todo, máis pronto ca tarde.

As contas xa están botadas. O PNV escapa como un alustro da reforma da Constitución. Aos vascos vaille ben co seu “Cupo”, e falarlle dun proceso constituínte ou dunha reforma constitucional faille tremer o papo, porque as festas sábese como comezan, pero nunca como acaban. O asunto catalán amañarano sen reformar nada, porque o PP e C´s queren seguir cociñando o menú do día en Madrid, porque o PSOE nestes temas sempre se agarra ao rabo dos populares, e tamén mercé a ese Tribunal Constitucional que só sabe escribir a ditado. Polo tanto, a cousa vaise resolver pola calada, como lle gusta a Rajoy, sen necesidade de tocarlle un pelo ao Boletín Oficial do Estado. 

E nós? Pois, hoxe en día, e aí é onde está a nosa frouxidade, somos os únicos aos que nos cómpre a reforma constitucional. Porque, sen un tecido empresarial propio, ante a carencia de movementos sociais estruturados e cun nacionalismo con pulmonía crónica, só será posible desenvolver a nosa economía, alcanzar o benestar e garantir a protección das nosas sinais identitarias, mediante unha instrumentalización xurídica onde poder agarrarnos, cando agromen as condicións para ir cara a adiante. 

Ah! O meu tío Lisardo convén con Xoán Antón Pérez Lema, e cos que pensan así, que unha gran coalición formada por forzas políticas galegas, movementos sociais e galeguistas relevantes, sen agardar a ningún proceso electoral, sería a base para que Galicia comece a recuperar a categoría de nome propio.

Xosé Antón Jardón Dacal.