Dende a Limia
02:16 h. Lunes, 11 de Diciembre de 2017

Esencias da preguiza: a cerellada dos papeis

| 21 de Septiembre de 2017 (19:14 h.)

“Moitas veces imaxinara aquela escena que estaba vivindo e sorprendeuse de que a realidade fose tan exactamente igual ós soños e que estes se acabaran por cumprir.” (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

415Esoutro sobriño do meu tío Lisardo xa ten no seu peto o papel timbrado que lle recoñece o dereito a cobrar do Estado sen rañala. Mais, dese asunto de ferrar bestas no campo da Feira Nova, nada de nada. Xa llo dixera aquela laverca da función pública: “talvez todo acabe en silencio negativo”. E, se a administración opta polo “non sabe/non contesta”, xa te podes dar por fodido. Aínda así o cismón do avogado non só non perde a esperanza, senón que xa anda a voltas coa licenza; ou con esa chafallada que lle chaman “comunicación previa”, que non deixa de ser o mesmo enredo con outro nome, aínda que o alias é máis guai

–Séntese aí e tome nota –díxolle o funcionario– Tráiame tres exemplares en papel e tres “cedés” do proxecto técnico asinado por técnico competente, con planos de situación, do potreiro (catro estacas de pé e tres horizontais enlazadas entre si), dos vestiarios e dos aseos, e cun orzamento detallado. Non se esqueza do CNAE.

–Mire señor, o potreiro xa leva anos no lugar. Que é o CNAE? E... un técnico competente?

–Déixese de brincadeiras.Eu pídolle o que manda a lei. Entendido? Cómprelle tamén o permiso da Deputación, por atravesar preto do seu negocio unha estrada provincial; a autorización da Confederación Hidrográfica, pola proximidade do río Limia; o informe favorábel de Patrimonio, por estarmos no entorno da capela da Asunción e da vía romana Braga-Astorga; un plan de avaliación ambiental, que describa a eliminación de residuos dos cascos das bestas e a súa incidencia na variedade “chosca” da mosca do gando; alta no réxime de autónomos e autorización da compatibilidade de xubilado e ferrador; follas de reclamacións, horario de atención ao público e un veterinario en plantilla. Ah, certificado do Catastro e xustificante do pago das taxas. Xa o avisaremos para que aboe os anuncios nun xornal e no boletín da provincia. Se precisamos máis documentos, xa llos requiriremos no trámite de emenda. No caso de que todo estea ben, antes de que pasen seis meses, notificarésmolle a resolución. Por suposto, se esta fose favorábel e seguira aberto o prazo, pode solicitar a subvención de apoio ao emprendemento da Xunta de Galicia.

Ah! O meu tío Lisardo méxase de gusto, vendo o inmedíbel apoio do dúo Feijoo-Rajoy ás iniciativas da xente que vive nese cornecho do mapa, coñecido en Madrid coma o noroeste de España. Hai que “goderse” con estes tocagüevos do nabo!

Xosé Antón Jardón Dacal