Dende a Limia
19:31 h. Sábado, 18 de Noviembre de 2017

Esencias da preguiza: a ocorrencia

| 25 de Agosto de 2017 (21:51 h.)

“Entón el facía aqueles proxectos para instalarse na aldea, unha perspectiva que non lle producía entusiasmo, pero xulgaba necesaria”.

(Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

 

386Iso da transparencia évos un asunto delicado. Moi delicado. Cóntaslle a alguén o que che pasa e o que che deixa de pasar, o que fas e deixas de facer, en fin, falas cos de confianza dos avatares da túa vida e a escape aparece un mamón de fóra furgándoche nela como se fose da familia.

Sen ir máis lonxe, hai cousa duns días, outro sobriño do meu tío Lisardo –eu non, Deus me libre!– déuselle por soltar na taberna que andaba pensando en retirarse. Non por nada, senón porque os anos non pasan en balde.  

Un deses ubicuo do mostrador, con aparencia de ter a cabeza noutra cousa, axiña mudou a pose e meteuse na conversa con natural impertinencia.

–Mira ben o que fas, animal! –díxolle o fulano– En que vas ocupar o tempo? Coñezo a un, avogado coma ti, deses que non teñen vagar para nada, que en canto se retirou púxose coma unha puta cabra; acabou caendo nas gadoupas dos médicos da cachola e agora está perdidiño de todo.

O caso é que esoutro sobriño do meu tío Lisardo, que efectivamente ten un bufete en Vigo, despois de escoitar as andrómenas do metefuciños, sen renunciar ao seu plan de xubilarse no mes que vén, cando cumpra os sesenta e cinco tacos, xa decidiu como vai embobar o tempo.

 –Voume pór de ferrador –dixo– É o devezo da miña vida: ferrar bestas na Feira Nova. Teño varios martelos, un formón, un par de tenaces, arrincacravos e conto conseguir a habilitación nun cursiño deses da Xunta, aínda que teña que untar a alguén. Amais, tamén posúo seis caixas de ferraduras noviñas do trinque, que me fixen con elas en compensación polos honorarios do preito da viúva dun ferreiro, que non puido pagarme en metálico. E como maña é o que me sobra, malo será que non gañe para os cravos.

Ah! O meu tío Lisardo alucina con eses que lle ferven os miolos e, cando están a piques de decatarse, xa os teñen talmente derretidos. Hai que goderse!

Xosé Antón Jardón Dacal