Dende a Limia
19:30 h. Viernes, 21 de Septiembre de 2018

Eu coma os outros

| 05 de Abril de 2018 (16:38 h.)

“Non atopaba luz por ningures. Non se escoitaba ningunha voz que servise de guía na escuridade”. (Os fillos do mar, Pedro Feijoo).

 

61Cando se conformaron as corporacións locais, nadas das eleccións de 1983, o nacionalismo galego aínda non atopara o antídoto acaído para curar aquel sarampelo de non xurar nin prometer a Constitución, cuxas primeiras secuelas consistiran en deixar fóra do Parlamento galego a tres deputados electos. Semellante doenza tamén contaxiou a sesión constitutiva dun pequeno concello da provincia de Ourense, onde unha candidatura independente –de matiz nacionalista– conseguira oito concelleiros, nunca corporación de once, na que Alianza Popular alcanzara tres actas.

O secretario, na súa condición de mestre de cerimonias, ao armar a mesa de idade, para cumprir o procedemento legal, deulle paso ao rito do acatamento da Constitución, comezando polo cabeza da lista máis votada.

–Don Venancio Pérez Pinto, ¿Juráis o prometéis ... guardar y hacer guardar la Constitución como norma fundamental del Estado?

Venancio, facendo que non oía, púxose a pasear as mans por tódolos petos da roupa que levaba posta, en busca do paquete de Ducados. Ao atopalo, sacou un cigarro, pediulle lume ao secretario e, despois de darlle a primeira chupada, respondeu:

–En primeiro lugar, non me chista ese plural maxestático do “jurais o prometeis” e, en segundo lugar, eu nin xuro nin prometo.

O secretario, sen agardar máis explicacións, fíxolle a mesma pregunta ao segundo da lista maioritaria, e despois ao terceiro, pero ao ver que a resposta non mudaba, decidiu pasarlle a pelota ao cabeza de lista de Alianza Popular.

–Don Rufino Gómez Casares, ¿Juráis o prometéis...?

–Eu coma os outros –dixo Rufino– Ou xa nos imos pór a discrepar o primeiro día.

Ah! O meu tío Lisardo quixo que trouxese á palestra esta curiosa anécdota, para ilustrar o que está a acontecer por mor do feo tropezo dunha deputada de En Marea en Santiago, evidenciando que hai dous tipos de representantes públicos: os do “eu coma os outros”, para presumir da súa veneración pola estulticia, para ser o que non se deben ser; e os que teiman en encher a política de frescor, sempre dispostos a tocar a chanca para a súa casa, cando non son capaces de ser o que dicían que ían ser, antes de ser o que son.