Dende a Limia
23:15 h. Domingo, 24 de Septiembre de 2017

Os fabricantes do bulleiro

| 02 de Julio de 2017 (13:22 h.)

“Máis alá non consegue ver nada, a non ser pequeñas sombras que se moven nese breve espacio rectangular que se completa a través da porta.” (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

281Lisardo Quintas Teixeira, o meu tío Lisardo, non comunga co credo político de Pablo Iglesias. Iso só o sabiamos el e máis eu, pero un dos dous soproullo ao señor Facebook e, claro!, agora xa o sabe todo quisque. O tipo de Podemos é un patriota español empedernido e o meu tío é un nacionalista galego, a piques de ficar sen patria, porque a desidia dos aborixes vai mirrando a nación decotío, como lle acontece as patacas vellas que dan chegado ao mes de san Xoán. 

Mais, se hai algo que cómpre recoñecerlle ao tal Pablo é o liderado porfión da denuncia necesaria, facendo aflorar as falcatruadas que non cesan e as desigualdades sociais que medran cada día, azacotadas polos que están no “machito”, afeitos a pensar que, por ter o goberno, gozan do privilexio de facer e desfacer, como se fosen os putos amos. E como cada un é como é, e esta tropa é unha caste de paxaros insaciables, foron creando un ambiente sucio e lamacento, que xa fede que alcatrea, ata o punto de sentirmos a sensación de que, cando camiñamos, imos pousando os pés nunha especie de bosta noxenta que, amais de revolvernos o estómago, tingue de negro cada unha das baldosas que conforman as beirarrúa da nosa propia existencia.

Porén, os que non se domean diante dos poderosos -e dos fabricantes de bulleiro- gozan tamén do dereito a deixar en evidencia aos trapelos de labia barata, ás linguas de trapo que van pola vida presumindo de compartir os pareceres dos que se manteñen tesos, mais, á hora da verdade, sempre acaban claudicando con argumentos aburridos e retrógrados: non é o momento, teñen que madurar… e outras parvadas polo estilo, propias dos que levan no sangue o ADN de cómplices necesarios dos que non saben xogar sen emporcar o campo.

Por tanto, esta democracia comezará a aliviarse das súas doenzas, cando os que mandan e os seus mercenarios asuman con naturalidade a obriga de explicarse cando son interpelados, no canto de pór a parir aos que gozan do dereito a preguntarlle o que lles pete cando lles dea a gana.

Ah! Ao meu tío Lisardo próelle a alma vendo como os medios de confianza e os “Señores da Lama” seguen empeñados en tomar a xente por parva. E, senón como se explica que, no asunto da moción de censura do outro día  nos pretendesen convencer que o censurado foi o da coleta, no canto de don Mariano? Hai que “goderse” con estes demócratas do nabo!

 Xosé Antón Jardón Dacal