Dende a Limia
19:36 h. Sábado, 18 de Noviembre de 2017

¿Foi realmente bispo o noso Idacio? (Xosé A. Carrera Abelleira)

Dende a Limia | 27 de Agosto de 2013 (23:48 h.)
Cronicon Idacio
Cronicon Idacio

XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA

A estas alturas poñer en discusión o grado eclesiástico de Idacio, autor do famoso Cronicón —documento singular do século V—, chamado bispo de Chaves e practicamente único gran persoeiro coñecido na Limia ó longo de tódolos tempos, pode parecer, cando menos, chocante. E cando digo a estas alturas quero dicir despois de que non hai tanto tempo se organizase en Xinzo, con todo boato, un acto pola reedición do seu libro; leve seu nome unha praza na vila e, máis ou menos, a súa figura sexa coñecida entre a poboación. Polo demais, historias e dicionarios, sen excepción, confirman a súa condición de bispo de cidade portuguesa. De todas formas, non vou ser eu quen poña en cuestión tales datos, que son un simple lector. O que si farei é poñer por riba da mesa, como quen saca un trunfo nunha partida de naipes, a figura, sobranceira e indiscutida dentro da historiografía galega, de Xesús Ferro Couselo

No Día das Letras Galegas do ano 1996, que se lle dedicou ó dito investigador, o xornal La Región ofreceu íntegra unha conferencia que el dera, tempo atrás, co gallo do nacemento da Agrupación Cultural Auriense. Recordo que tamén foi recollida en cassette, que se entregaba co mesmo periódico. Pois ben, na conferencia Ferro Couselo afirmou taxativamente que Idacio non foi bispo de Chaves pola sinxela razón de que entón Chaves non era diócese, non era máis que unha parroquia de Ecuesia. Esta Ecuesia —nome que despois derivaría na Queixa que hoxe coñecemos— comprendía, sempre segundo o conferenciante, tódalas parroquias da comarca de Chaves, o val de Baronceli (actual val de Monterrey) e A Limia. O cargo que lle concede o erudito a Idacio era o de arcipreste, é dicir, o párroco máis importante de toda Ecuesia, cargo que aínda hoxe rexe na xerarquía eclesiástica. É posible que nesta situación Idacio se arrogase o título de bispo, pero non tería nunca a autoridade sobre o que entendemos un bispado. Por outra parte, o propio tradutor da versión ó galego do Cronicón, López Silva, aclara na introdución do libro que «Idacio nunca sinala proprio ore ser bispo de Chaves, e autores posteriores, como Isidoro de Sevilla, tampouco engaden nada ó respecto» (páx. 23)

Non pretendo degradar a figura do noso paisano de fai mil cincocentos anos que nos resulta a todos tan simpática, precisamente por esa distancia no tempo, senón buscala verdade histórica que, para min, é moito máis importante. De pouco vale encher e florear a nosa vida con mitos e fantasías e moito menos crer neles. O seu cargo debe sosterse en datos históricos que haberá que buscar. Se Ferro Couselo está nun erro rebátese, porque o que resulta verdadeiramente sorprendente é que deica agora ningún profesional do ramo —cada vez máis numerosos e mellor preparados— salga publicamente a refutar as afirmacións de quen era un especialista deste período. O que a un  non lle cadra é que aseveración tan categórica, nin sexa rexeitada nin sequera recollida. ¿Chega acaso con eludir? A min, en definitiva, gustaríame de verdade resolver dunha vez a incerteza que desde tanto tempo atrás —vai para vinte anos— ocasionoume a lectura da rotunda afirmación de tan conspicuo investigador.

Por outra parte, se ten razón o señor Ferro Couselo, volveríase a confirmar o que cada vez parece máis claro: que a historia se compón, en boa parte, de medias verdades ou incluso falsidades que, a base de repetilas hasta a saciedade, quedan indeleblemente fixadas para sempre.

Algo moito máis vergonzante sucede coa realidade histórica de santa Mariña, patroa de Xinzo. Pero deso habémonos de ocupar outro día.