Dende a Limia
03:56 h. Jueves, 19 de Octubre de 2017

Galego mal escrito

| 22 de Mayo de 2017 (20:41 h.)

Nestes últimos días, indo e vindo por Xinzo adiante, vou atopando algúns carteis ou letreiros onde non se usa ben o galego. Non sempre é o mesmo, trátase de erros gramaticais moi diferentes. Como xa teño visto varios, decídome a sacarlles unhas fotos e a comentalos en Dende A Limia, para chamar a atención publicamente sobre este feito.

O primeiro deles é nun anuncio da Xunta onde se promociona o leite galego. “Leite”, en galego, ten xénero gramatical masculino e debería dicir “galego 100%”, non “galega 100%”.

O segundo é nun cartel da Deputación de Ourense que hai no punto limpo. En correcto galego non é “urban”, que é “urbano”; e tampouco é “infraestructuras”, que é “infraestruturas”, sen “c”.

O terceiro é nun letreiro municipal que xa vira hai tempo. Di: O POBO É TEU, MANTENO LIMPO. A pesar de ser un erro moi frecuente, en galego “pobo” só significa grupo de persoas, non localidade ou lugar poboado. As poboacións en galego poden ser aldeas, vilas ou cidades, dependendo do tamaño a das súas infraestruturas, mais non pobos. Ou sexa: é correcto dicir “os dereitos do pobo galego”, “a presidenta foi elixida libremente polo pobo” ou “o pobo expresou o seu sentir pola rúa fóra”, pero non 205é correcto “veuse para o pobo” ou “un pobo de 5000 habitantes” (o correcto sería “veuse para a aldea” ou “veuse para a vila”, segundo o caso, e “unha vila de 5000 habitantes”). Neste letreiro referido a Xinzo, debería dicir: A VILA É TÚA, MANTENA LIMPA.

 

É moi importante que o galego estea ben escrito, de modo especial o galego que está exposto en lugares públicos e que todo o mundo o pode ler. É moi importante, por moitos motivos. Escribilo ben demostra que o galego ten a consideración de idioma, que respectamos a súa gramática. Demostra que o coñecemos, que ten un valor, unha dignidade, que non é unha trapallada que se pode escribir de calquera maneira e que tanto ten. Escribilo ben reafirma na mocidade o que se aprende na escola, dálles seguridade ás persoas que queren falalo ben, mesmo para incorporar o galego como lingua de uso habitual ou para llelo transmitiren aos fillos.

O galego mal escrito eu non sei se é ignorancia ou se é desinterese. Porque hoxe xa non ten escusa. Se estivésemos no ano 1985, cando daquela empezaban a usarse as primeiras normas ortográficas oficiais, pois aínda tería unha explicación, poderíase entender mellor que houbese un erro aquí e outro acolá. Porén, estamos no ano 2017. Hoxe hai moitos recursos lingüísticos para o galego, dispoñíbeis tanto en libros como na rede, úsase nos centros escolares e nas204 universidades, hai tamén cursos de galego para adultos e persoas preparadas con moi boa competencia na lingua galega.

A ver se estas liñas serven de reflexión e pomos máis atención para usar ben o galego, de modo particular as institucións públicas.

Silverio Cerradelo