Dende a Limia
11:57 h. Martes, 23 de Octubre de 2018

Os galegos e as nosas equidistancias

| 07 de Febrero de 2018 (22:54 h.)

“O Estado, como unidade que tem o monopólio e a soberania, convertese no responsável por marcar os grupos sociais e determinar quais são os amigos e inimigos” (Vidas culpáveis, pax. 83, Borxa Colmenero).

 

catsPor mor do perpetuo ritual –tan omnipresente e omnipotente– que os cataláns lle deron en chamar procès, os afeccionados á cinexética política deseguida reivindicaron a paternidade do descubrimento dos “equidistantes”, unha vella caste de plumíferos da familia dos cucúlidos na que, obviamente, tamén pon o ovo o cuco común.

Hai cousa dunha semana, un deses diletantes cazadores non dubidou en apuntarlle coa espingarda ao meu tío Lisardo, mentres este rebuscaba migallos de autogoberno, disfrazado de irmandiño, debaixo das mesas dunha terraza das Ramblas.

–Ti es do Madrid ou do Barça, ho? –espetoulle o mamalón.

–Quen eu? –respondeulle o meu tío– Eu son do Celta e do Deportivo. Agás cando xogan entre eles, daquela só son do Celta. Entendes lapadoiras!

O babeco dos estraloques non foi quen de comprender a resposta, entón o meu parente explicoulle que, niso de procès, el non comunga co centralismo, porque os de Madrid levan toda a vida desangrándonos, para vendernos a prezo de ouro refugallos de hemoglobina contra a anemia que nos causan. Pero ao meu tío seica tamén lla traen frouxa os cataláns, porque se fartaron de zugar da teta galega, iso si, axudados pola desafección ao seu País da elite financeira e empresarial do noroeste.

Talvez sexa por iso, polo que os galegos gardamos un pétreo silencio, cando o noso diñeiro e as nosas empresas se deslocalizan a Portugal e ladramos a favor ou en contra, coma cans rabiosos, cando Gas Natural (Fenosa) viaxe de Barcelona cara Madrid, no canto de esixir o seu retorno a Galicia, que é onde sempre debeu estar. Velaí a nosa teimuda equidistancia.

Ah! Neste mapa ateigado de furtivos, incapaces de distinguir unha pega dun pardao, alguén debería remarcar a fronteira entre a equidistancia a respecto de Madrid e de Barcelona que profesa o meu tío Lisardo, e o seu rexeitamento activo á revirada vulneración das liberdades e dereitos da cidadanía catalá que practican os amos e os seareiros do sistema, sempre tan afanados en ilegalizar a legalidade.

Xosé Antón Jardón Dacal.