Dende a Limia
03:37 h. Lunes, 20 de Febrero de 2017

Se hai culpa, ten que haber culpables

| 16 de Febrero de 2017 (21:30 h.)

“Despois fóronse xuntando uns nubarróns negros por riba do Pico de Mediodía ata que comezou aquel ruído xordo todo seguido, que durou deica a noite ben entrada. Non queda nada”. (Vento ferido, Carlos Casares. 50 aniversario da súa publicación).

Luis_Villares_2016_(cropped)Somos vagalumes incautos, permitindo aflorar as nosas debilidades, dispostos a deixarnos embobar polos moinantes das feiras, precisamente cando máis necesitamos aguzar a frouxa lucidez que nos acompaña. Somos, en fin, bechos desprecavidos alodados lentamente pola apatía conformista, capaz de desposuírnos do brío necesario para enfrontarnos ás artimañas diso que lle deron en chamar “o sistema”, mangoneado por mentes preguizosas e reviradas, instruídas para facer do medo e da inxenuidade dos outros, a principal razón da súa existencia. E así, sen ofrecer resistencia, e talvez sen decatarnos, ímonos trocando en bois amansados, predispostos a confiar máis no relato que debuxan os que din o que sucede, ca naquilo que realmente acontece, malia térmolo diante dos ollos, malia poder tocalo coas xemas dos nosos propios dedos.

E así é como imos recuando; coma carneiros espantadizos, negándonos a recoñecer a nosa estampa ao descubrila no espello, ata deixarnos amarrar pola substancia apegadiza –a perversa uniformidade- que nos trousan na cara os pillabáns que rexen ese galimatías chamado “o sistema”, no canto de gurrarmos coma almallos bravos, ou de cornear contra a intemperie que nos enlea.

E así é como anda o respectable público; desnortado, renunciando ao cualificativo de respectable, incapaz de inmutarse cando, verbi gratia, na terra da abundancia enerxética, despois de pagar facturas que producen auténticos calofríos, os moradores de cinco centos mil fogares andan ás apalpadelas, mentres os seus gobernantes non só permanecen impertérritos diante da crúa realidade, senón que aproveitan as contadas raiolas que distraen os temporais, para inaugurar novas factorías de quilowatts, bautizadas con nomes de santos (San Pedro II) e bendicidas con caldos alleos, no corazón da Ribeira Sacra, para gozo dos prebostes que os abrazan coma se fosen da familia, espertos en manipular contadores para inflar o prezo da electricidade, e en disimular as súas avultadas vergoñas a base encher os petos con gavelas de billetes.  

Ah! Despois da inaugurar a nova “quilowatería” dos Peares, o noso gardián do sistema cruzou a Canda na procura da pedra filosofal, e regresou de Madrid tal como fora: sen praza, sen AVE, sen que ninguén se quixese facer responsable das nosas maluras. Mais, como se hai pecado ten que haber pecadores, a culpa do que pasou téñena o Benegá e o Pesoe, e a do que están por vir é dun tal Luis Villares. (Que lle botarán na bebida a ese home cando vai á capital do Estado?). O meu tío Lisardo respóndeme cantando unha estrofa daquela preciosa canción do Yosi dos Suaves: «Pardao le llaman en la plaza / porque aunque llueva el canta / ... y no se marcha».Vaia!, se temos un presidente que non lle ten medo ao frío nin á xeada do Padornelo, nin se espanta ante os temporais, e cando lle cómpren culpables das súas eivas sempre os atopa fóra da casa, entón de que nabo nos queixamos?

Xosé Antón Jardon Dacal