Dende a Limia
20:58 h. Miércoles, 20 de Junio de 2018

O HOME QUE QUERÍA SER ÁRBORE

| 02 de Enero de 2018 (23:49 h.)

arturo baltar

Na hora pracenteira do solpor gusta de se espir e de se meter na poza do chafariz. Ao ir esmorecendo o día, achégase á chamada fascinante da melodía da auga.  O Arturo introdúcese no estanque  con moito coidado e ponse no centro, erguendo os brazos cara ao ceo. Pecha os ollos e asubía delicadamente.

A cobra nada habelenciosa e confortada formando circos, coa cabeza desafiante fóra

da tona. Ao cabo dun pouco, abandona as bordas escuras e vai ao encontro do home. Comeza a subir por unha perna dando voltas e abrázase a el pola cintura, pousando a cabeza na barriga, xusto  na parte inferior do seu embigo. O Arturo abre os ollos e, sen parar de asubiar, acaríñalle o lombo con dous dedos. Cando tal –o tempo non ten alí medida-, a serpe dá un brinco e desaparece baixo o manto esfiañado de oucas.

O auguista arrefece o corpo coa frescura líquida e fica na gloria. El manifesta a quen o quere escoitar que este é un rito case sagrado, de retorno á orixe, comuñón íntima co nacente, de encontro coa vida primixenia na súa primeira manifestación.

Despois, no carro da euforia, percorre descalzo os carreiros do xardín-fraga, da floresta barroca, que nace e medra en liberdade, mesturada e algo confusa, sen saber moi ben en que estación do ano vive. Quere sentir o alento silandeiro de árbores e plantas, o fulgor dos seus ollos insomnes. E a fortaleza dos penedos poderosos, colosos  que gardan a quietude harmoniosa do terreo.

 Manda sempre o aroma ancestral dos buxos, ordenados en sebes frondosas que custodian as especies irmás. O ollar lévano as abundantes camelias exóticas, señoras dos pazos solemnes,  ateigadas de flores de leite ou de flores de sangue. Señoriais son os granadeiros cargados de pequenas  milgranas negras, aos que non ollan de bo grado cerdeiras e pavieiras amorosas. Figueiras arcaicas, como aparicións dun alén pretérito e afastado,  dan de comer ao enxame de paxaros. E os érbedos fantásticos, cargados de morogos de namorar.  Sabugueiros e sanguiños milagreiros sinalan o Sur, por onde pasa o sol na súa roda refulxente.

Carballos e castiñeiros, pouco amigos das mimosas, empúrranse con furia procurando a luz. Nun canto, mato basto de bidos luminosos que medran dereitiños como candeas, ao pé do canaval de canas estilizadas. Plantas e arbustos baixos de toda condición aproveitan o agarimo do toldo natural.

O home con alma de árbore non se deita nunca sen dar a volta de recoñecemento para ter unhas falas con algúns dos seus semellantes. Cando observa que un individuo presenta síntomas de doenza, ao comezar a murchar, vai procurar unha garrafa de viño tinto e bótalle un bo grolo nas raíces. A operación repítese durante sete días. Con este remedio, a curación do vexetal enfermo está case garantida.

Paixón compartida co tío Manuel  Nóvoa, veciño de Vilarchao, propietario dunha horta de mazairas con máis de sesenta árbores con case todas as castes autóctones conservadas. O entusiasta valedor das mazás, sostén que a nosa terra podería abastecer de noces e abelás de excelente calidade a toda España e parte de Europa de se faceren plantacións nas bordas dos ríos e regueiros.

Coa chegada da noite, na primeira presenza, o home de terra acomódase no corredor da casa e escoita con éxtase a sinfonía marabillosa que o vento interpreta nas canas e follas da arboreda. Os pensamentos véñenlle bater incesantes na cabeza: saberán as árbores da súa sombra? Terán medo como as persoas? Acaso poden ter tamén sentimentos amorosos?

De cando en cando, olla  dentro da casa para se deleitar co espectáculo aliñado dos cangallos de uvas e das mazás, que perfuman a morada e que se van facendo mel paseniñamente, penduradas dos pontóns e das trabes do teito. E lévano irremediabelmente á lectura do marabilloso  Á procura do tempo perdido do admirado Marcel Proust.

Bebe devagar, intensa fragrancia da bebida no padal, como se quixese mastigar o líquido saboroso,  e retorna polo longo camiño da memoria.

 

[ Para  Arturo Baltar in memoriam, pola fantasía e polo saber.]

DELFÍN CASEIRO