Jueves 23.05.2019

Laura e o mar

mejores-fotos-de-mar-2018-fotos-de-mar-bonito-puesta-de-sol-pxhere-600x400Laura é nome de muller, seguirá sendo nome de muller e era nome de muller.Digo era porque así se chamaba esa rapaza vilmente violada e asasinada por un home que talvez nin sequera mereza chamarse home. Véñenme á memoria outras Lauras. A do cantante Nek, cos seus versos hoxe premonitorios Laura no está, Laura se fue, no dijo adiós. A Lady Laura que nos abrazaba forte na voz do brasileiro Roberto Carlos. A Laura no deserto, na novela do amigo Riveiro Coello. Gustaríame imaxinar que Laura Luelmo non dixo adeus porque foi correr ao deserto, mais non é así. Alguén sen alma levouna para un deserto escuro do que nunca se volve. O malo é que, coma ela, hai outras Laura. Outras que se chaman Carme, Lucía, Ana, Sonia... centos de nomes de mulleres que non poderán xa volver saír a correr. E outras moitas que, polo medo, non o intentarán, cando están en todo o seu dereito.  O mal está en todas partes. Agochado, á espreita. Despois do mal, vén o castigo. Mais cómpre non esquecer que moitas veces os castigos nada arranxan. Cómpre avanzarmos na procura dunha educación para a igualdade. Ninguén é máis ca ninguén. A muller non é menos ca o home. O home non é máis ca muller. E, para iso, talvez debamos lembrar as palabras de Pitágoras: Educade os nenos e non será necesario castigar ós homes. Só dende a educación acadaremos talvez o mar calmo da convivencia.

O mar. O mar que tamén nomea mulleres. Moitas teñen o mar no seu nome: Mar, Mara, Marcela, María, Mariña, Maruxa... E tamén moitas delas teñen no mar os seus homes. Si, o mar. O mar das aventuras de Simbad. O mar das aventuras do capitán Ahab perseguindo a Mobby Dick. O mar e o vello pescador de Hemingway. O mar dos piratas do Caribe. O mar do que viven os mariñeiros. O mar no que esta semana afundiron os pesqueiros A Silvosa e Sin querer Dos. O mar que levou catro homes e deixou catro mulleres viúvas, talvez cinco, porque hai outro máis que aínda non aparece.

Estamos no Nadal. Datas entrañables para xuntarse. Días que nunca máis serán igual para esas mulleres viúvas nin para a familia de Laura. Familias nas que, nas súas árbores de nadal, apagáronse estes días seis luces que nunca máis volverán prender. É de noite cando escribo isto. Ás veces, para imaxinar a noite, pecho os ollos. Despois volvo abrilos e contemplo o ceo. No destes días semellan brillar seis estrelas máis. Diante delas pido o meu desexo deste ano: nunca máis luces fundidas nas árbores de nadal. E imaxino un mundo de mariñeiros volvendo a porto e no que nunca haxa máis Lauras que non están.

Rafael Laso Lorenzo