Dende a Limia
07:38 h. Martes, 23 de Octubre de 2018

Meten medo!

| 20 de Abril de 2018 (19:58 h.)

“Hai unha pola rota no arboredo / que cai no chao como sinal escura, / oubea un can ó lonxe na espesura / da noite en soedá e eu teño medo”. (Do poema «O medo vai e vén», de Antón Tovar, tan ben musicado por Anxo Rei no disco A rabela da pluma)

199Non. Non sería xusto falar de «amnesia cifuentina», nin sequera de «osteoporose feijooniana». Se lle quixeramos chamar ás cousas polo seu nome, á pandemia de mesquindade e cinismo faltón, que tanto inzou nos sanedríns do partido que goberna o Estado, e que embouta aos demais, habería que denominala «marianitis insolente».

Calquera outro aspirante, por anovador que pareza, que asome neste mapa de tunantes tan fulero e chafalleiro, coñecido como España, só poderá ser un simple arremedo diletante. E talvez por iso a xente limpa debería ir debuxando, na conciencia dos lambecricas que estercan as isóbaras dunha atmosfera tan fedorenta, un risco de culpabilidade para que, chegado o caso, os soldados rasos perdan o medo e renuncien a ser cómplices necesarios das maluras que todo isto nos causa.

Pero non. O panorama non colle trazas de mudar, porque o que se leva hoxe en día, na avanzada dos maquinistas do chintófano, tal e como se ve un día tras doutro, é o culto cego á esa pose ladroíza, á boubaría latricante e á cacholada endémica dos que pensan que, polo simple feito de ser caporais –hai quen lle chama líderes– posúen o dereito divino a esixir, sen pudor, o aplauso e o salvoconduto que lles permita continuar engrosando, ata estoupar, un currículo ateigado de cinismo e de falcatrúas.

Ah! O meu tío Lisardo pensa que, malia este cheiro a ovos podres que moitos desprenden, non sería xusto botarlle toda a culpa do medo que nos rilla aos deméritos dos que mangonean o cotarro. Unha boa parte do que está a acontecer tamén é mercé ás barrigas agradecidas dos mercenarios que sustentan o poder real, que nos subxuga e nos domea; e aos medios de comunicación que gurran para facernos confundir pallas con palleiros. E, claro, tamén teñen parte da culpa os xefes do principal partido da oposición, ao que lle vén grande o cualificativo de ‘alternativa’ e ata o de ‘alternancia’. O alcume acaído sería o de ‘reis do alterne’, pois, no canto de compracer á tropa cunha música agradábel, embóbana acotío coa celebración do «día do primo», obrigándoa a darlle voltas á manivela dun artefacto que só fabrica desatinos.

 Antón Jardón