Dende a Limia
20:33 h. Lunes, 21 de Mayo de 2018

Nove mil novecentos e baixando

| 18 de Enero de 2018 (23:43 h.)

44Pois si. Xa somos menos de 10.000 habitantes no Concello de Xinzo de Limia. 9.875 ao remate do 2017. E semella que nada pasa. Perdemos decenas de habitantes á semana e pouco importa. Nos plenos ordinarios e extraordinarios pouco máis de unha pregunta ou un rogo da oposición coas súas correspondentes respostas baleiras do grupo de goberno. Nin unha soa proposta propositiva –valla a redundancia– que poida incentivar o empadronamento ou mesmo a natalidade no nosos municipio. A Limia morre e ninguén lle ofrece nin coidados paliativos.

Para a oposición é culpa do goberno. Para o alcalde é culpa doutros 5 alcaldes da comarca que viven en Xinzo pero non están censados. Manda carallo!

Por semellar, mesmo semella que interesa. Chámenme tolo.

Hai quen di que non hai nada que facer. Para que o coñecemento do noso Entroido medre polo mundo –algo máis que positivo, faltaría máis– hai ideas e propostas abondo. Pero os miolos semellan non furrular para buscar solución a unha sangría demográfica que, de continuar este ritmo, deixaría Xinzo, en 30 anos, con menos poboación da que hoxe ten Allariz. Allariz, que por certo, logrou aumentar a súa poboación este último ano e superar a barreira dos 6.000 por primeira vez dende hai décadas. Tamén medrou Lalín. E Verín. E Pereiro de Aguiar. Outros moitos mantéñense a duras penas. E outros, os máis pequenos, desaparecen en silencio.

Hai quen di tamén que non pasa nada. Baixar dos 10.000 habitantes implica baixar de categoría a nivel de inversións das institucións supramunicipais –especialmente a estatal–, así como diminuír os representantes electos –o que dificulta un traballo máis efectivo e anula a pluralidade política– ou perder relevancia como capital comarcal a nivel provincial e galego.

Miremos ao noso redor. Investiguemos, señores concelleiros. Hai mesmo teses doutorais analizando casos de éxito na recuperación de poboación no rural. Manter a poboación é política. Pero iso é o de menos. O importante é que é necesario. E o tempo pasa.