miércoles 21.08.2019

No día de Antonio Fraguas

Neste día das Letras Galegas 2019, dedicado ao mestre Antonio Fraguas, entregamos unha vez máis os galardóns do concurso literario que a miña vila organiza na memoria de Carlos Casares, no que me honra participar como membro do xurado.Un certame dedicado á canteira, ós máis novos. Categorías infantil e xuvenil. E, nas dúas, relatos participantes de moita calidade que auguran futuros escritores para as nosas letras.Relatos como “O galo que non podía cantar”, da autoría de Eva Rodríguez González, novamente gañadora deste certame.

IMG_20190517_195645Eva, na súa obra, constrúe unha fermosa fábula, para demostrarnos (ó mellor xeito de Félix María de Samaniego, autor de fábulas como La cigarra y la lormiga, El cuento de la lechera) que todos temos un don para facer algo, para poñer diante da nosa  vista esa realidade de que ninguén é peor por ser diferente. Un relato ben construído e profundo, malia os poucos anos de Eva. Parabéns.
Na súa obra “O contrario de morte é amor”, Alba Domínguez Marra consegue algo fundamental na escrita: engaiolar aos lectores dende a primeira frase ata a derradeira palabra. Confeso que o lin dúas veces de corrido. Unha calidade literaria excelente, tanto na idea como no desenvolvemento da narración nunha regresión ao pasado (iso que os cinéfilos chaman flashback).Trata moi ben, e con acerto, o mito de Eros e Tánatos, un dos mitos clásicos por excelencia sobre o amor e a morte, cunha narración rotunda, poderosa e áxil que engancha ao lector mantendo a súa atención ata o final. Moitos parabéns tamén para ti, Alba.
Como remate, gustaríame deixar unha idea. Dicimos que as palabras lévaas o vento. Nada mellor, por tanto, para evitalo que poñelas en papel. Creo que pagaría ben a pena ver estes relatos gañadores, xunto cos das anteriores edicións, nun pequeno libro. Cousa que agradaría moito ás autoras premiadas, agrandaría o prestixio deste premio que ano tras ano se consolida. Libro que sería tamén unha homenaxe a Carlos Casares, un dos grandes das nosas letras.

Rafael Laso Lorenzo