Dende a Limia
14:25 h. Lunes, 10 de Diciembre de 2018

Noticia dunha pelexa en Xinzo no ano 1920

| 07 de Agosto de 2018 (17:34 h.)

Cando escribo isto, é xa noite máis que pecha. Hai nada púxose a chover, despois de se cubrir o ceo con nubes escuras e espesas. Cousas deste verán tan tolo. Onte, volvendo de Madrid, parei en Xinzo e a temperatura era moi alta. Cando, caendo a noitiña, cheguei a Moaña, aínda a praia estaba ateigada de xente. Porén, hoxe arrefriou o tempo. En fin, que este é o verán que nos toca este ano. Na tranquilidade das horas nocturnas, púxenme a ler un exemplar do antigo xornal El Compostelano, unha cabeceira que se identificaba como diario independente e que se publicou en Santiago de Compostela entre o 2 de febreiro de 1920 e o 30 de xaneiro de 1946. Durante a Guerra Civil, declarouse abertamente partidario do bando franquista. Ao longo dos seus dezasete anos de vida, tirou do prelo un total de 7795 números. Cando desapareceu, foi substituído polo xornal La Noche, o cal continuou coa numeración daquel.

Pois ben, no indicado El Compostelano, concretamente no número 88 publicado en data 27 de maio de 1920, aparece a noticia dunha pelexa en Xinzo de Limia, por mor dunhas pombas, que vén redactada así:

“Dicen de Ginzo que, por cuestión de unas palomas, disputaron los vecinos de aquella villa Leandro Taboada, labrador, y Modesto Gómez Vilariño, tabernero.

El segundo resultó con varias lesiones de arma blanca en el antebrazo izquierdo y costado del mismo lado, que su contrincante le infirió.

El herido fue curado por el médico forense y el agresor se dio a la fuga.”

Despois de lelo, que queren que lles diga, senón que ademais da causa que orixina a pelexa, quedei coa intriga da resolución do asunto. Non sei se ao tal Leandro detívoo finalmente a policía e rematou na cadea. Resúltame curioso que un paxaro como a pomba, que simboliza a paz, teña sido a causa dunha pelexa.

Agora ben, peor foi a cousa para un tal Bernardo Sotelo, veciño de Castelaus, en Calvos de Randín, a quen os seus conveciños lle fixeron estoupar tres cartuchos de dinamita nas paredes da súa casa. A causa: as diferencias entre ambas partes, por ter o Bernardo edificado a casa en terreo comunal contra os desexos da xente. Vese que esta, naquela época na que sen sequera se sabía o que era un plan de ordenación urbana, non tivo mellor ocorrencia que demolerlle a casa e para iso nada mellor que unha pouca dinamita. Porén, para todo cómpre saber e ter coñecementos, pois parece que os tres cartuchos non foron suficientes, xa que logo no propio xornal dise que os danos causados non foron de consideración.

Rafael Laso Lorenzo