Domingo 24.03.2019

Noticias curiosas de 1893

Acaba de chegar ás miñas mans unha páxina do xornal La Voz de Galicia de hai moitos anos, concretamente do cinco de xaneiro de 1893. Concordarán comigo os lectores list_640pxque dende aquela xa teñen pasado cousas dabondo. Porén, non sei se nestes tempos que corren poderemos ver noticias tan curiosas como as que enchen esa páxina.

Cómpre dicir que por ela entereime do nomeamento como alcalde da nosa vila de Xinzo de don Francisco Colmenero, por real orde, tal como relata o xornal citando como fonte fidedigna o feito de que “así lo dice un periódico de Orense”. Sendo así de tallante, non é posible poñela na máis mínima dúbida.

Curiosa (e ben macabra por certo) é unha noticia procedente dos Estados Unidos e que o xornal relata así:

“Noticias recibidas de Nueva York dicen que el capitán, el segundo y el propietario del barco francés Constantine, que hace el comercio con las Nuevas Hébridas, han sido asesinados por los marineros que componían la dotación del buque”.

O relato da noticia segue para aclararnos que os mariñeiros pertencían todos á tribo dos indios canaguas. Como descoñecía por completo esta etnia, acudín ao Dicionario Etnográfico Americano da autoría de Daniel Vergara Martín publicado en Madrid no ano 1922 e por medio del entereime que se trata dunha tribo de indios da serranía de Mérida en Venezuela. O que non se dicía deles nese libro, é que eran caníbales, pois tal como se relata na noticia “el capitán fue cocido y devorado por los salvajes en un banquete”. E como parte da pasaxe do barco quixera defender ao capitán, foi asasinada polos indios, que saquearon o buque.

Como para completar o sarillo de cousas curiosas, había outra noticia no xornal que me chamou a atención e que segundo o redactor contaba, no lugar de Mays Landing (busquei nun mapa onde estaba isto, e atopei que é no condado de Atlantic, en Nova Jersey, tamén nos Estados Unidos) uns leñadores cortaron unha aciñeira ben grande. Cando a árbore estaba no chan, decatáronse que nunha abertura da parte superior do tronco había un esqueleto cuberto en parte por roupas todas estragadas e esfiañadas. Tamén había unha carteira cuns papeis escritos nos que contaba que tentando fuxir duns indios que o descubriron subiu á árbore, mais alí albiscou unha serpe moi grande. Para fuxir dela, segundo se conta na crónica, meteuse no oco que aciñeira tiña un pouco máis abaixo e despistou á cobra. Porén, despois non foi capaz de saír do burato. E o cronista relata que “durante una semana escribió sus angustias y terrores y después paró de escribir. Probablemente moriría de hambre y de sed en aquella extraña prisión”.

En verdade que pasei un rato divertido coa lectura, mais, que queren que lles diga. Eu a historia do barco inspírame confianza, porén, a deste home da árbore non a acabo de crer.

Rafael Laso Lorenzo