Dende a Limia
17:16 h. Domingo, 25 de Febrero de 2018

O NOSO ENTROIDO

| 14 de Febrero de 2018 (20:12 h.)

Até fai aparentemente poucos anos, o tempo previo ao entroido era, para min e para o meu entorno máis próximo, un periodo moi intenso…todo estaba envolto  nunha especie de ansia nerviosa porque chegaran  eses días nos que "todo valía".

_MG_5641O tempo foi pasando e non en balde; o noso entroido cambiou e nós tamén… xa non nos pomos dos nervios antes, nin oímos as campaíñas das pantallas ao deitarnos días e días despois de rematada a festa.

Aí estamos os que agora somos, coas limitacións e os cambios de ritmo que o corpo cos anos impón, pero desfrutando igualmente de todo o que nos aporta o noso Entroido.

A madurez faite ver que non existe o absoluto, non somos nin mellores nin piores, pero si diferentes e a nosa festa máis representativa, o noso entroido, foi incorporando alguns aspectos, perdeu outros e mesmo recuperou parte da tradición que se nos estaba escapando…é dicir, nin todo foi para mellor nin todo para pior.

E, perante estes cambios, a cuestión é: que debemos facer?: adaptarnos ao que hai?, rexeitar  todo? ou simplemente debemos tentar recuperar o que botamos de menos e asumir o resto como a natural evolución das cousas?  O tema prestase a debate....

Cada un dos que voltamos a Xinzo a desfrutar do Entroido, facémolo por uns motivos e cuestións diferentes. No meu caso, o que me move son as persoas, aquelas ás que non vexo moi a miúdo e coas que me gusta compartir eses días que siguen a ser tan especiais e tan nosos…

Poden cambiar moitos aspectos do entroido en canto a apariencia e as formas, máis o que sempre vai estar aí é algo máis que o exterior e o adorno, é algo que está dentro de cada un: as ganas de compartir o humor, a ironía, a transgresión, e a troula coa que vivimos "polo barrio de abaixo" todos os que eses días "non temos casa" cunha complicidade que nos fai manter un sonriso permanente e un rítmico meneo de cadrís....o espíritu entroideiro. Mentres este siga vivo, existirá o noso Entroido.

Por iso, eu, hoxe volto a Xinzo, o meu pobo, polo entroido, para compartilo con toda esa xente a que eu quero e a que me une unha tradición que nos gusta vivir dunha forma diferente, a nosa, porque este Entroido é parte da nosa vida e a vida… é tantas veces como o noso Entroido…!!!

Elena Touriño Baliña