Dende a Limia
14:01 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

Orgullo

| 21 de Octubre de 2017 (13:30 h.)

476Iván propúxome escribir cada certo tempo neste medio. O meu galego é pobre, falo a vosa lingua na intimidade máis absoluta, podedes imaxinar como escribo. Mais é certo que as penas en galego compártense mellor. Son as once da noite e eu non dixen nada dos lumes. Non me expresei porque, ao final, un ten pouco que dicir. Penseino leendo twitter, ¿que podo dicir? ¿Que podo eu aportar ante toda esta situación? ¿Un poema? Un poema sería unha mostra de afecto e pouco máis. Vostedes dirían que quen é ese e porque ten feito un poema que di que Galiza lle gusta. “¡Se o noso problema non é que Galiza é fermosa ou xa non o é tanto!” Descartei a idea por parecerme baleira. “Outro que non é d'aquí dicindo que Galiza é ou non é”, como se o estivese vendo.

 

Sexa coma fose, si que vos quero dicir que somos moitas as persoas que vos vemos con orgullo. Non estou falando dese repelente paternalismo que ten enchidas as redes sociais con mensaxes copiados uns d'outros, buscando un retweet e basta. Tampouco do seu curmán o oportunismo que vai facer campaña electoral con todas as cinzas. Non, eu digo orgullo, d'ese que cando un é de fora e pregúntanlle por Galiza responde cos ollos vivos: “Somos muy distintos, pero es una tierra maravillosa, llena de una magia muy especial”. Ás veces ten que vir alguén da fora a dicirlle a un que é fantástico, é triste, pero é así. 

 

Teño vistas as imaxes das cadeas humanas tratando de axudar. A iso me refiro. Sodes grandes persoas, un pobo enchido de cousas boas que, parece que por unha excesiva timidez, non da golpes sobre a mesa. Eu quería reivindicarvos, a vostedes, mais alá do patriotismo de palla; a vosa lingua (manda carallo, la habláis tan bajito que ni siquiera hay un imbécil que diga que tendríais que hablar castellano para que se os entienda); e para finalizar, tamén quería dicirvos (sen ánimo de pésames, ao contrario), que, aínda que eu non sexa máis que Fernando, un rapaz de aldea, un ninguén, vos aprecio moito. E que, nestos tempos difíciles, eu presumo de compartir un país (un Estado, unha cousa, como queirades dicilo) con xente así. 

Fernando Camacho Caramés