Dende a Limia
05:51 h. Sábado, 15 de Diciembre de 2018

Un par de cousas curiosas no Xinzo de hai 125 anos

| 23 de Marzo de 2018 (00:05 h.)

Hai moitos anos as cousas non eran tal como son agora. Mesmo ás veces costa imaxinar ese contexto de “hai moitos anos”. Do que hoxe lles vou falar é de dúas noticias, ben curiosas por certo, que atopei nunha das páxinas dun xornal do 19 de agosto de 1892. Para decatármonos do lonxe que nos queda esa data, imos avanzar cen anos xusto despois da mesma, e vemos que a prensa informaba da Expo de Sevilla, da inauguración do primeiro tren AVE, das olimpíadas de Barcelona, dos atentados da mafia en Italia, dos intentos de golpe de estado de Hugo Chávez en Venezuela, da vitoria de Bill Clinton nas eleccións americanas, por non falar do gol de Koeman que lle deu ó Barcelona a primeira Copa de Europa... Cousas todas elas que xa tamén nos semellan moi afastadas no tempo.

131Antes de seguir, vou confesar que coa primeira das noticias aprendín unha palabra en castelán que descoñecía: hacina. Alá fun correndo ó dicionario para saber que con esa palabra noméase un conxunto de feixes de cereal formando un montón. Transcribo a continuación a noticia, que dicía así: “La villa de Ginzo de Limia practicó un embargo en el pueblo de Gudes para pago de costas de un interdicto. El efecto embargado fue una hacina de centeno, que pocas horas después de instruirse las diligencias se reducía á cenizas. No se sabe cual fue la mano criminal que cometió semejante atentado; pero lo que no se duda es que el depositario no presentará en su día el efecto embargado”.

Queda ben claro que o que lle prendeu lume ós feixes de centeo, non lle fixo favor ningún ó dono destes, que ademais de quedar sen eles, seguiu a deber as costas do xuízo. Quero pensar que non foi el mesmo quen o queimou.

A outra noticia que atopei nese xornal tan antigo é aínda ben máis curiosa. Hoxe en día vivimos rodeados, e case que contaminados, pola publicidade. E en certas datas do ano (Nadal, fin de curso, no tempo das rebaixas) aínda moito máis. Hai anuncios por todas partes, algúns deles cheos de enxeño, que demostran a grande imaxinación dos seus creadores. Tal como o do protagonista que vou transcribir segundo viña escrito no xornal:

Un conocido industrial de Ginzo tiene pensado adquirir un aparato fotográfico con objeto de sacar retratos de todas cuantas personas jóvenes entren a comprar en su establecimiento durante el período de un año. Al comprador ó compradora que emplee más de diez reales, ofrece entregarle su fotografía. No nos parece mala la idea para atraer un concurso de enamorados.

A min paréceme unha grande idea e non deixo de pensar quen sería ese coñecido industrial e se finalmente levou a cabo a súa ocorrencia. Porén, o que máis me intriga é a razón de por que tan só ía tirar retratos da mocidade. O seu negocio non estaría pensado para os vellos ou tería medo de que estes saísen mal nas fotografías? Pensaría que os vellos non deben namorarse, como na obra de Castelao publicada anos máis tarde, no 1953? En verdade, que me quedou mágoa de non saber a resposta.

 

Rafael Laso Lorenzo