Lunes 27.05.2019

De premios e de multas no entroido

Hai cousas na sociedade que poden ser case comúns a todo o mundo. Por exemplo, eu non coñezo a ninguén a quen non lle teñan posto unha multa. Eu mesmo teño recibido algunhas. Creo sinceramente que unha sociedade debe rexerse por unha serie de normas mínimas que permitan regular a convivencia. Tamén é evidente que as normas, o mesmo que a xustiza, deben ser as mesmas para todos.

oleiro album1BR_10_02_2019_FARELEIRO_ (14 de 31)Coido que vivimos rodeados de normas e debo dicir que non sei se temos de máis ou se aínda nos faltan. Hai normas de circulación, de educación, normas para o protocolo, normas para fabricar cousas, normas de seguridade, normas de xogo... en fin, normas de todo tipo e, como sempre neste tipo de asuntos, para todos os gustos. Porén, non vou entrar na conveniencia ou non dalgunhas delas, pois supoño que foron establecidas coa mellor intención. Pero si quero salientar que non hai ningunha que non leve aparellada un réxime de sancións para o caso de incumprimento. E as sancións poden ser do máis variado: van dende un penalti ou unha expulsión nun partido de fútbol, o saír dende o derradeiro lugar nunha carreira e cousas polo estilo, ata as típicas e “benqueridas” multas económicas. Tamén hai multas curiosas. Entre estas, están as que atopei nunha noticia no xornal El Compostelano, do día un de abril de 1943 e que transcribo textualmente a continuación:

“El Gobernador civil de Orense ha destituido al alcalde de Ginzo de Limia, don Honorio Peleteiro Álvarez, al que además le impuso la multa de 500 pesetas por negligencia, ya que infringió órdenes terminantes que se le habían dado respecto a la celebración de bailes en días de Carnaval. Dichos días se celebraron en un café de Ginzo bailes, y además se llevó a cabo el denominado « entierro de la sardina ». Se ordenó asimismo el cierre del café, se impuso a los propietarios 1000 pesetas de multa y han sido detenidos seis vecinos. También por haber celebrado bailes los días de Carnaval, se impuso la sanción de 2000 pesetas al Casino de Ginzo. Fueron multados con 250 pesetas cada uno, cuatro vecinos de la misma localidad por haberse disfrazado en las citadas fiestas.”

Por medio do magnífico libro Historia e memoria: A Limia 1931-1953, do meu amigo Miro Cerredelo, souben que o café multado foi o Ideal, propiedade dos irmáns Emiliano e Xilberto Martínez Ruído. Os veciños detidos polo “grave delito” do enterro da sardiña foron Alfonso Villarino Rodríguez, Manuel Ayuso, Rudesindo Carrera, Xosé Álvarez Gómez, Xusto Rodríguez Méndez e Víctor Domínguez Sierra, que estiveron seis días na cadea. E dos outros veciños multados coñecemos os nomes de Xoán Villarino Rodríguez, Dolores Santiago e Luís Gelpi Asorey.

Máis dunha vez, tenme tamén contado meu pai historias destas do entroido de cando el era un rapaz. Son as historias de todas esas persoas que se esforzaron en que o entroido da nosa vila sexa o que hoxe é. Por iso, cando souben que ó noso entroido lle concederon a distinción de Festa Turística de Interese Internacional, ademais de en todas as persoas que sen dúbida traballaron para facelo posible, pensei naquelas que nos precederon. Aquelas que saían celebralo malia a súa prohibición. Aquelas que moitas veces se disfrazaban dentro da casa por estar penado saír a rúa. E tamén pensei naquel gobernador civil do ano 1943. Non porque tivese mérito algún, senón porque veume ó maxín a idea de que talvez era daqueles que, ó chegar a súa casa nos días de entroido, pechaba as fiestras, corría as cortinas e disfrazábase tamén para botar uns bailes coa súa muller, esquecendo todas as multas que puxera. Supoño que non habería de ser así, mais nunca se sabe, pois o entroido é o entroido.

Rafael Laso Lorenzo