Dende a Limia
03:11 h. Miércoles, 17 de Enero de 2018

O principio das mudanzas inmutábeis

| 10 de Enero de 2018 (22:20 h.)

“Se non existen triángulos cuadrados, se non existe xiquera un triángulo cuadrado, entón xurde a traxedia, porque existe a razón e non existe Deus”. (Diario sin datas, Antón Tovar).

21Nas vésperas daquel 28 de outubro de 1982 o horizonte divisábase cunha nitidez absoluta, pero o ambiente era máis ben sombrizo, algo medorento talvez. A verdade é que a cousa non tiña boa pinta, malia a habelencia e fineza dos doutores en climatoloxía política, empeñados en receitar vacinas de normalidade a “tutti pleni”.

En Floxás –e en calquera esquina do mapa– a tropa disimulaba o que podía, pero a procesión ía por dentro. Así que, os da versión frouxa dos herdeiros do réxime, por mor daquela aguda descomposición de ventre que os estaba deixando talmente deshidratados, dende que Suárez se fora, non deixaban de presentir na caluga o maldito bafo do recambio, malia que os da chaqueta de pana aínda non as tiñan todas con eles.

–Dígame! –contestou Elías, algo nervioso, e como se non dese bafexado.

–Es ti, Elías, atópaste ben?

Al aparato, estou ben, é que ando con algo de présa. Dígame, dígame?

–Sabes quen son, ho? Son o Avelino Xurelo. Mira unha cousa, se fas o favor, aí contra a noitiña tráeme unha papeleta das nosas. A esa hora os tarambainas dos meus sobriños andan sempre de cans. E disimula porque, xa sabes, eles son socialistas, de pacotilla!, pero socialistas ao fin e ao cabo. E a xente dálle á lingua por calquera parvada.

–Perda coidado, tío Avelino, en canto escureza aí estarei.

Ao día seguinte da desfeita “ucediana” e do ascenso controlado da versión varuda do réxime, os partidarios de Felipe celebraban o trunfo na taberna. O tío Avelino, máis só que “la una”, adoraba un chato de herbas nunha esquina do mostrador. Niso entrou Elías, ao que se lle vía moi esbrancuxado, e ao chegar rente ao Xurelo, este díxolle:

–Toma algo, amigo, e que non che doa a cabeza; aquí non pasou nada, só aconteceu que contabamos gañar os das dereitas e gañamos os das esquerdas.

Ah! Nos últimos trinta e pico anos que pasaron dende entón, o meu tío Lisardo nunca deixou de preguntarse, canto medirá ese pequeno treito que separa aquela dereita enferruxada, que tanto inzou no ambiente, e esta esquerda fulera que, cada ano que pasa, perde máis o cu por ilo acurtando.

(Ao druída in péctore, Manolo Fariñas, que sempre nos agasalla con pocións tan saborosas como esta, e con tantas outras que, se hai vagar, non deixaremos de catalas).

Xosé Antón Jardón Dacal