Dende a Limia
05:43 h. Lunes, 11 de Diciembre de 2017

Son tempos de encontros necesarios

| 15 de Noviembre de 2017 (21:38 h.)

Sentía que me gustaría decírllelo, berrarlles que aquela casa que acababan de invadir como corvos en busca de carroña fora antes un recuncho delicioso do meu paraíso infantil”. (O sol do verán, Carlos Casares).

249É evidente que a resposta autoritaria –e regresiva– do Estado español ao procés catalán, tensando adrede as cordas, moito máis do que dan de si, non só deixará as cousas como están en Galicia, senón que todo irá a peor. O panorama non pinta ben para a galeguidade política porque, dada a súa frouxidade actual, pase o que pase, nin o nacionalismo nin aqueloutras forzas progresistas sensibilizadas coas clases máis desfavorecidas –e menos por separado– posúen a suficiencia para frear a ansia recentralizadora das mentres reviradas que mangonean o cotarro.

Así que, ese obsceno concubinato, que tanto pracer lles causa aos xefes dos partidos autodenominados constitucionalistas –PP-C´s-PSOE– malia o triste papel dalgúns, que se excitan vendo como gozan os outros, non só durará máis tempo do desexable, senón que talvez se verá consolidado nos vindeiros meses, a fin de seguirlle rillando as esquinas aos dereitos conquistados pola xente do común, contando coa ben pagada bendición da curia mediática e coa satisfacción dos poderes económicos, que seguirán zugando substanciosos dividendos no fogar de Breogán. E tamén, porque non dicilo, mercé á inexplicábel predisposición dunha boa parte da cidadanía galega, que se deixa embobar polo credo, “antes una España roja que rota”, a pesar de que non hai traza dunha cousa nin da outra.

Ah! Visto o visto, o meu tío Lisardo pensa que, se as organizacións políticas de obediencia galega, en conivencia coas que gozan dunha certa autonomía e dos grupos sociais e persoeiros sensibilizados co País, non se dan présa en ir á procura das coincidencias, na acción e na participación institucional, axiña imos sufrir as consecuencias da súa desidia, que se verá reflectida en novos apertóns dos parafusos que sosteñen a escasa folgura do autogoberno conquistado. De maneira que a grave pulmonía, que xa padecen as clases máis desfavorecidas e as nosas sinais de identidade, pronto se converterá en endémica, causándonos unha metástase cancerosa que nos porá definitivamente fóra do mapa.

Xosé Antón Jardón Dacal