Dende a Limia
03:58 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

Unha lección

| 16 de Septiembre de 2017 (10:00 h.)

Ás veces atopamos cousas no devir do diario que nos deixan pampos. Sempre vemos situacións ou circunstancias que nos fan pensar que talvez nós, de vivilas, non seríamos quen de reaccionar ou mesmo de saber como facelo.

410Outras veces, estamos tan afeitos a certo tipo de noticias que saen na prensa ou na televisión, que xa non lle damos importancia. É entendible que, de tanto escoitares algo, ese algo adoite finalmente por non chamarnos sequera a atención.

Porén, máis tarde ou máis cedo, atopámonos diante dun suceso, dun feito ou dun acontecemento, que produce en nós un abraio do que non podemos fuxir. A min aconteceume hai uns días.

Baixara co meu fillo á cancha de baloncesto que hai a carón do parque, para botar unhas canastras. Había bastante xente nela, rapaces, pais e fillos, todos xogando, como corresponde a unha tarde de vacacións. O día non era como o anterior. As nubes enchían o ceo, tinxindo de gris escuro o mar da ría de Vigo e agoirando chuvia, cousa que finalmente aconteceu. Primeiramente unha poalla lene, que mesmo se agradecía por calmar o bochorno sufocante. Cabo de dez minutos, o orballo mudou en chuvia frouxa e a xente foi deixando a pista.

Cando eu e mais o meu fillo estabamos recollendo para evitar a probable molladura, entrou na pista un home duns corenta anos ó que acompañaban un mozo e unha muller. O que fixo foi dirixirse a min e pedirme con moita amabilidade se lle deixaba o balón para botar uns tiros á canastra. Cómpre dicir que ese home debeu de ter sufrido algún tipo de accidente ou de enfermidade. O brazo e mais a súa perna dereita estaban paralizados. Para camiñar, arrastraba a perna danada, mantendo o equilibrio con dificultade. Non quixo que lle dese a pelota, pediume que lla pasase tal como se fose un lance do partido. Colleuna, suxeitándoa entre o seu brazo tolleito e o brazo bo. Colocouna con paciencia na súa man esquerda e despois de facela botar varias veces, lanzou a canastra con dificultade. A pelota deu no aro pero non entrou. Fixo varios tiros, algúns deles despois de moverse pola pista como se estivese nun partido, mais todos sen sorte. Porén, notábaselle a maña no lanzamento malia as súas circunstancias. Finalmente púxose a chover en serio e tivemos que marchar. O mozo que ía canda el díxolle que finalmente non metera ningunha canastra. A resposta del foi contundente: Non importa, no baloncesto non sempre se encesta. Xa será outro día. Pero viches como tirei? Xa che dixen que antes era tan bo como o Michael Jordan.

O meu fillo íame dicindo que aquel señor coxo tiraba moi ben e a min deume pena que a chuvia nos obrigase a marchar. De poder seguires, estou convencido de que metería máis dunha canastra.

 

Rafael Laso Lorenzo