Dende a Limia
18:00 h. Domingo, 19 de Noviembre de 2017

Unha noticia de Xinzo de 1888

| 17 de Octubre de 2017 (21:21 h.)
Foto: Antonio Nieto Oliva
Foto: Antonio Nieto Oliva

Teño unha querenza especial polas cousas antigas: libros, discos, antigüidades (gusto moito da palabra coa que os irmáns portugueses denominan a estas: Velharías), mobles e cousas semellantes. E entre todas eles, sinto unha particular devoción por tres cousas: os aparatos de radio, os libros e os interruptores da luz fabricados en porcelana. De todos os tres, teño algún exemplar na miña casa.

Algo que tamén me produce satisfacción é atopar algún xornal antigo e dedicarme á lectura demorada das súas noticias e, sobre todo, dos anuncios. Debo dicir, que me teño atopado con algúns certamente curiosos, o cal demostra que o enxeño na publicidade non é cousa de hoxe, senón que xa ven de atrás.

Pois ben, nestes días chegaron a min algunhas páxinas dun xornal galego (en formato dixital, moito me prestaría ter as orixinais en papel) dun afastado día cinco de xuño do ano 1888, dez anos antes do final da guerra de Cuba e do nacemento do meu avó materno. Case nada. Coa cobiza de saber algo das novas daquela época, os meus ollos pousaron cunha especie de atracción magnética nunha noticia da provincia de Ourense que falaba da nosa vila de Xinzo de Limia e da súa festa do Corpus. Vou transcribir aquí esa noticia, tal como viña publicada no xornal, en castelán, na que ben se aprecia a linguaxe xornalística propia da época:

 

Orense. Desde Ginzo, dicen, después de describir la fiesta del Corpus: «Anoche, según costumbre inmemorial, cenaron juntos los jóvenes solteros de esta villa. Excuso decir á ustedes que ha reinado la mayor cordialidad y el más envidiable buen humor en el banquete; se brindó porque la mayoría de los asistentes disfrutasen de este privilegio en el transcurso de muchos años, brindis con el que seguramente no estarán conformes las beldades de la Limia, por la sencilla razón de que para asistir a este acto es condición indispensable estar soltero.»

Debo dicir que non escoitei falar nunca desa cea de costume inmemorial de solteiros polo Corpus. Talvez se fose perdendo co tempo. Agora ben, o comentario final do redactor da noticia (cuxo nome non se menciona) non ten desperdicio: 

 

Bien nos parece el brindis. Si el banquete llega a ser de casados, seguramente no sería tan envidiable el buen humor.

 

Despois de ler iso, quedoume a impresión de que o xornalista non debía levarse moi ben coa súa dona. Tanto ten, cento vinte e nove anos despois, vai ser imposible sabelo.

 

 

Rafael Laso Lorenzo