martes 19.11.2019

Xente cargada de misterio e poesía.

É ben certo que as palabras, as linguas, non son da exclusiva propiedade de ninguén, senón de todos os que as usan e de todos os falantes desas linguas. Porén, teño que dicir que as palabras que conforman a frase do título deste artigo non son miñas. Debería antes de máis nada, dicir o nome do seu autor, mais como as tomei emprestadas dun libro do que vou falar aquí, fareino máis adiante. Así que, benqueridos amigos lectores, hoxe imos falar dun libro. Ao meu ver, unha marabilla de libro, que se estrutura e catro partes e que fala de nós, os galegos. Nunha das súas páxinas, foi onde atopei a fermosa definición que dá título a este artigo: “Os galegos somos xente cargada de misterio e poesía”.
Creo que está chea de razón. Acreditamos na Santa Compaña, nas meigas e nos trasnos, facemos centos de contos sobre a morte e os aparecidos e moitas outras cousas envoltas no manto do misterio. E a poesía? A poesía nace con nós, vennos da chuvia incesante (chuvia da que tamén se fala no libro), vive con nós en milleiros de palabras que soas de por si xa son versos: brétema, volvoreta, aloumiño...
Con este libro (cóstame non dicir aínda o título) pasoume como cos anuncios de certa cadea de supermercados de noso. Síntome tan identificado con moitos dos seus textos, como con cada imaxe da campaña publicitaria. Ese vivamos como galegos, malo será, forma parte intrínseca de nós xa para sempre. E cando encetei as páxinas das que lles falo, non fun quen de parar. Houbo que lelas case que dunha sentada. 
Nas catro partes, hai uns relatos deliciosos. Algúns de varias páxinas, algúns de varias liñas e outros dunha soa liña. Mais aínda nestes últimos, dentro dunha forma tan curta, apréciase un gran fondo. Un crítico literario faría unha análise moito mellor, mais eu non son crítico. Expreso só a miña humilde opinión como lector, e, o que atopei dentro deses textos, foi talvez unha realidade cotián e unhas cousas do común contadas e relatadas con sabedoría e mestría. Realidade e cousas sobre nós mesmos, como persoas e como pobo. 
A parte coa que máis disfrutei foi talvez a do libro de instrucións. Hai instrucións para moitas cousas: para baleirar os pratos, para falar do tempo, para ceder o paso, para pagar. Se as len, hanse decatar de que somos así. 
E se queren saber que, a meirande parte das veces, os contos non son como nolos contaron, entón pasen, pasen e lean os contos da derradeira parte do libro, desas Instrucións para tomar café.  Se o len, non creo que dubiden de que os galegos somos dese xeito, con esa retranca e esas dúbidas tan nosas. 
Riquiños, como se di no anuncio televisivo. Cargados de misterio e poesía, como digo eu no título coas palabras de Manuel Núñez Singala.  

Rafael Laso Lorenzo

Comentarios