Dende a Limia
19:31 h. Viernes, 21 de Septiembre de 2018

Xoán Carlos Domínguez Alberte: Soneto no alfabeto

| 22 de Marzo de 2018 (23:58 h.)

Das terras poéticas de Celanova, val fecundo de Ramirás, lugar de Escudeiros, chega unha voz lírica que zumega frescura, compromiso e sentimento, que emprega con mestría a lingua do corazón, coñece o segredo das palabras e as sutilezas da estilística.

130Son palabras do propio Xoán Carlos na súa autobiografía:

“Visto aos ollos de agora, aquel espertar ao mundo constituía para min enchouparme en toda unha lección de vida. A da resistencia, a da supervivencia, dos que quedaron vivos, dos que non mataron, dos que non morreron. Horas familiares cheas de conversas de afecto, de tolerancia e sabedoría. Memoría para non esquecer, palabras para conversar.”

A traxectoria literaria de Domínguez Alberte non para de se acrecentar e de se enriquecer ano tras ano. Alén disto, son moitas as iniciativas culturais nas que leva participado, as obras colectivas nas que vén colaborando e os proxectos educativos nos que se ten involucrado. É colaborador habitual do xornal Sermos Galiza e

acaba de recibir o Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey 20017, polo extraordinario relato “O segredo mellor gardado”.

Este novo poemario, Soneto no alfabeto (2017) é ou quere ser, tal como consta na dedicatoria manuscrita, un compendio de afectos e efectos.

O libro ábrese con dúas chiscadelas poéticas aos admirados Federico García Lorca e Manuel Antonio e cun decálogo de intencións e motivacións que achega as claves interpretativas dos textos.

Xoán Carlos abandona o versolibrismo das obras precedentes e opta polo soneto, unha das composicións poéticas máis exixentes e perfectas, do que fora mestre destacado  Francesco Petrarca.

Trátase dun autodesafío creativo, proposta lúdica e estética, exploración intensa e íntima das posibilidades estilísticas e expresivas da lingua.

Este alfabeto de sonetos é unha homenaxe lúcida e gozosa ás 22 letras galegas, 5 vogais e 17 consoantes que tan ben se levan, depositarias do saber de séculos;  aos signos lingüísticos que representan os 27 sons(fonemas) que forman a cadea fónica; homenaxe á fala, á comunicación, ao diálogo, á conversa, á poesía, á literatura, á tradición,  á beleza, á lingua, a máis grande creación humana, patrimonio colectivo, o noso máis valioso tesouro.

Cada unha das letras acapara toda a atención nun soneto; é como se tivese vida propia, como se tivese voz, como se se fixese dona da palabra, da fala.

Cada soneto resulta unha aliteración prolongada, con paronomasias ocasionais, que evoca con forza os sons da natureza, tal que o correr incesante da auga do río ou o bruar maxestoso do vento dominante, nun ronsel luminoso de ritmo e musicalidade.

A min seduciume especialmente o soneto do Q, que ten de grafarse sempre en compañía do U, formando a figura inseparábel dun Quixote e un Sancho. O “que” é quizais a letra máis filosófica do alfabeto; é a letra do QUE?  e do QUEN?, das “cuestións”, que en moitas linguas segue a se escribir con “q” como era en latín, que propician as grandes reflexións sobre a existencia e a condición humana. O propio autor apela a miúdo ao coñecemento, á intelixencia, ao saber.

Co libro Incivil (2009), o poeta entrara a formar parte do ronsel espléndido da poesía ética, cívica e auténtica dos grandes creadores celanoveses (Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín).

Con este poemario, Soneto no alfabeto, Xoán Carlos Domínguez entra no brillante clube de sonetistas ourensáns, que conta con voces tan relevantes como Antón Tovar, Víctor Campio ou Edelmiro Vázquez Naval.

 

Hai unha cita do xenial escritor francés André Gide, unha recomendación que vén moi a conto: “Que o meu libro che ensine a te interesar en ti mesmo máis que nel; despois, en todo o mundo máis que en ti mesmo.”

Mais vou acabar a miña intervención con palabras da antedita autobiografía:

“Non coñezo máis autenticidade que a de ser o que se quere ser. Hai unha corrente profunda abrollando na intelixencia que é un río imparábel. No corazón de Galiza. Que nos leva, que nos leva ...”  Moitos, moitos parabéns, Xoán Carlos!

 

 

                        DELFÍN CASEIRO.