Dende a Limia
03:18 h. Lunes, 10 de Diciembre de 2018

A Deputación, o Concello de Lobios e Fundación San Rosendo promoven a construción dunha residencia para persoas maiores

| 11 de Agosto de 2018 (11:41 h.)

A alcaldesa do Lobios, María del Carmen Yáñez asinou un convenio de colaboración co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e co presidente da Fundación San Rosendo, José Luís Gavela, que ten como obxectivo promover a construción dunha residencia para persoas maiores no municipio de Lobios con capacidade para atender ao menos a 80 persoas.
 
Para tal fin, a Deputación de Ourense destinará unha achega de 400.000 euros para financiar o custe da Residencia, achega que se incluíu nos orzamentos da institución provincial no Pleno do mes de abril deste ano.
 
Pola súa parte, a Fundación San Rosendo comprométese a proxectar e construír unha residencia con capacidade para 80 prazas asistidas coas salas necesarias e tódalas instalacións complementarias de acordo á normativa vixente. Así mesmo encargarase de poñer en funcionamento e xestionar este centro, e de contratar á maioría dos traballadores entre os residentes de Lobios que teñan os cursos de formación que se realizarán para tal fin. Por último, terán preferencia para entrar neste centro os residentes no Concello de Lobios.
 
O Concello de Lobios asume, coa sinatura deste convenio, a cesión dos terreos necesarios para a construción da residencia, tramitar a preceptiva licenza de obras e actividade á Fundación San Rosendo, dotar o terreo no que se construirá o complexo das dotacións correspondentes de auga, sumidoiros, acceso rodado con pavimentado de beirarrúas, peches e urbanización de viais, incluso do aparcadoiro.

Esta nova alianza permitirá non só a creación dunha residencia con 80 prazas, senón tamén a “creación de preto de 35 postos de traballo que van a dinamizar económica e socialmente esta vila, na que a Fundación San Rosendo xa conta cun evidente protagonismo coa xestión do Balneario de Río Caldo”, sinalou Baltar.