Dende a Limia
22:19 h. Viernes, 20 de Julio de 2018

ENTREGA DE DIPLOMAS AO ALUMNADO QUE PARTICIPOU NO OBRADOIRO DE EMPREGO DE VARIOS CONCELLOS DA LIMIA

| 30 de Junio de 2018 (12:10 h.)

Onte, unn total de 20 alumnas e alumnos que se formaron nos últimos 9 meses en colocación de pedra natural e en actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, grazas ao obradoiro de emprego A Lagoa que compartiron os concellos ourensáns de Sarreaus, Vilar de Barrio, Trasmiras e Sandiás. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada polos alcaldes destes municipios, participou no acto de clausura e entrega de diplomas deste programa mixto de formación e emprego, no que a Xunta investiu 280.000 euros. 


Os participantes ao longo dos 9 meses que durou o obradoiro realizaron obras de colocación de pedra natural en distintas infraestruturas dos catro concellos promotores da iniciativa como o Forno de Pazos e a praza do Toural, en Sarreaus; nas fontes de San Fiz e da Franca, emprazadas no concello de Vilar de Barrio; en muros de Chamusiños e Abavides, de Trasmiras; e no centro social de Vilariño das Poldras e na antiga escola de Couso da Limia, no municipio de Sandiás. Ademais, o alumnado tamén desenvolveu actividades auxiliares de aproveitamentos forestais en áreas recreativas, piscinas e parques municipais pertencentes aos catro concellos. Díaz Mouteira destacou “o importante esforzo que se está a facer desde o Goberno galego para achegar a formación aos concellos e para ofrecer obradoiros adaptados ás necesidades actuais das empresas”. Neste senso, puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. 

Na provincia de Ourense ao longo do curso 2017-2018 a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou máis de 4,6 millóns de euros a desenvolver un total de 19 programas mixtos de formación e emprego, 14 xerais e 5 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil, que beneficiaron a 355 persoas desempregadas.


Nova convocatoria


Xa rematou o prazo de solicitudes para a nova convocatoria de axudas dos obradoiros duais de emprego e dos específicos para menores de 30 anos, dous programas que se porán en marcha no mes de setembro e cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2.350 persoas desempregadas en Galicia. Optaron a estas axudas, ao igual que outros anos, as administracións locais (con prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades e, no caso dos duais, tamén, como novidade este ano, as entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións.


Os obradoiros duais combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. Darase prioridade aos obradoiros forestais e aos
vinculados ao Camiño de Santiago. Pola súa banda, os obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade tamén ampliarán a duración de seis a nove meses.