Dende a Limia
04:43 h. Viernes, 17 de Agosto de 2018

Gastronomía e tradición na XXI Festa dos callos limiaos de Lobios

| 04 de Agosto de 2018 (13:05 h.)

O municipio de Lobios acollerá, o día 19 de agosto, a XXI edición da Festa dos callos limiaos e a XI edición da Carretada de Lobios, un evento gastronómico e etnográfico no que tamén haberá espazo para a artesanía, a música e os xogos populares. A presentación desta celebración tivo lugar o pasado xoves, 2 de agosto, no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa e o concelleiro de Cultura de Lobios, María del Carmen Yáñez e Albino Vázquez; e os cociñeiros, Tomás Fernández e Francisco Silva.
.
Esta celebración naceu co obxectivo de ser “un lugar de encontro entre os que estamos alí todo o ano e os retornados que veñen pasar alí as súas vacacións”, dixo a alcaldesa de Lobios, quen explicou a programación prevista para ese día que comezará ás 11.30 horas coa feira de artesanía, na travesía principal do municipio. Ás 12.00 horas chegará a música a esta celebración da man da Banda de Música de Lobios, e ás 13.30 horas, no pavillón municipal, terá lugar a degustación dos callos limiaos, unha celebración que naceu hai máis de vinte anos e que se celebra o penúltimo domingo de agosto, para aproveitar que os turistas e emigrantes da zona están de vacacións. “Na festa prepáranse sobre 1.000 racións de callos”, sinalou María del Carmen Yáñez. Os callos son “un produto típico da Baixa Limia e están elaborados con produtos autóctonos da nosa terra”, explicou Tomás Fernández. A degustación gastronómica complétase este ano como novidade cunha espetada de porco galego, para poñer en valor os produtos e a gastronomía galega.
 
Pola tarde, ás 15.30 horas terá lugar nas piscinas municipais, unha festa acuática para os máis cativos e, ás 17.00 horas, celebrarase o III Torneo de xogos populares “para unir a tradición coa xente moza”, sinalou a alcaldesa de Lobios.
 
Por último, ás 20.00 horas, será a XI edición da Carretada que consiste nunha competición na que, por parellas, teñen que tirar do carro nun circuíto pechado tratando de facelo no menor tempo posible.

Rosendo Fernández na presentación da XXI edición da Festa dos callos limiaos de Lobios

Este evento “une a tradición da festa gastronómica, presentando un prato moi típico da zona, cun elemento etnográfico e importante para o noso campo como é o carro galego”, explicou Rosendo Fernández, quen lembrou que se trata dunha celebración “á que asisten non só persoas de Ourense, senón tamén de Pontevedra e Portugal”