Sábado 19.01.2019

Un investimento de 215.000 euros mellorará varias rúas na Area de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos

A Area de Rehabilitación Integral- ARI de Vilar de Santos, agora Área de Rexeneración e Renovación Urbana, declarada en xuño de 2011, polo Instituto Galego de Vivenda e Solo- IGVS é un Proxecto Municipal fundamental que delimita un ámbito e unhas prioridades de actuación de rehabilitación no que están incluídas vivendas, construcións complementarias, equipamentos, ademais das rúas e os espazos públicos que conforman o núcleo. 

O proxecto de mellora e humanización na rúa da Sainza, a rúa do Forno e a rúa do Pasadizo, incluídas na Area de Rehabilitación Integral- ARI de Vilar de Santos que conta cun investimento global de 215.000 euros, aprobados pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Os traballos incluídos neste proxecto de humanización das rúas consistirán na renovación da rede de saneamento de augas residuais e tamén de pluviais, que actualmente presenta deficiencias. Renovarase a rede de abastecemento de auga potable existente con novas canalizacións, válvulas e acometidas. Executaranse os traballos de soterramento das liñas eléctricas de baixa tensión da zona de actuación, desmontando varios tramos aéreos existentes e instalando as novas liñas eléctricas en canalizacións subterráneas. Tamén se realizarán os traballos de soterramento da iluminación pública da zona de actuación, instalando novas luminarias LED. Realizaranse os traballos de soterramento das liñas de telefonía, colocando novas canalizacións subterráneas e por último procederase cos novos pavimentos, que combinan o formigón con zonas de lastras de pedra de granito.

Imaxe Vilar de Santos1

Esta obra é a primeira fase do Proxecto de mellora xeral no resto das rúas e espazos que conforman a Area de Rehabilitación Integral. “Dámoslle continuidade a un ambicioso proxecto de humanización e rehabilitación ordenado e adaptado á nosa realidade, poñendo en valor un espazo deteriorado co obxectivo primordial de evitar o abandono e revitalizar o entorno e fixar poboación”. Nas próximas fases, os proxectos técnicos seguirán o mesmo modelo de actuación previsto para fomentar un urbanismo responsable e sustentable, para promover o uso das zonas públicas, potenciando a relación e a integración das persoas reurbanizando os entornos e as zonas deterioradas con novas funcionalidades, como se fixo na Praza do Chafariz, na aira da Pereira ou na fonte de Sualama.

Este investimento tan importante, significa continuar co proceso de rehabilitación iniciado na primeira fase da ARI culminada no ano 2015, baixo iniciativa pública e privada na que se aprobaron as Bases reguladoras da primeira convocatoria de subvencións para a rehabilitación que permitiu actuacións en once vivendas. Unha nova fase no 2016 permitiu obras en tres vivendas mais. Na anualidade 2017 houbo unha vivenda mais rehabilitada e na anualidade 2018 agora en execución hai novas actuacións de rehabilitación previstas.


“Desde o Concello de Vilar de Santos temos optado dunha maneira clara polo aproveitamento e posta en valor dos recursos e capacidades locais para dotarnos de infraestruturas e servizos públicos de calidade, impulsando un modelo de desenvolvemento propio. Nestes últimos anos un dos obxectivos básicos ten sido promover proxectos de recuperación e rehabilitación do patrimonio construído, coa rehabilitación dos fornos, a recuperación das “airas” tradicionais, de acondicionar espazos libres nos pobos, de fontes e lavadoiros, as igrexas parroquiais, a recuperación das antigas escolas como centros sociais, o antigo centro de saúde, o Museo da Limia,… cunha estratexia que ordena de xeito planificado medidas e proxectos de intervención con actuacións en todos os pobos do concello.” 

A Área de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos foi e segue a ser unha actuación pioneira e innovadora nun concello rural, a única destas características na provincia de Ourense, xa que as outras, correspóndense con núcleos históricos e cidades, de aí a súa importancia e transcendencia. Vilar de Santos é o único municipio rural da provincia que conta cunha Área deste tipo. “ Para o grupo de goberno do concello é outra aposta de futuro máis, froito de moito esforzo e traballo, de planificación, pero sobre todo é a culminación dun proxecto colectivo no que participamos todos para poñer en marcha iniciativas que garantan a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas.”