Dende a Limia
04:14 h. Martes, 26 de Septiembre de 2017

A 7ª andaina do Señor do Larouco dará a coñecer a riqueza paisaxística de Cualedro

O. Ferreiro | 11 de Septiembre de 2017 (19:07 h.)
Amaya Alvarez, Luciano Rivero, Montserrat Lama, Eduardo Castro e Bernardino González
Amaya Alvarez, Luciano Rivero, Montserrat Lama, Eduardo Castro e Bernardino González

A sétima andaina do Señor do Larouco dará a coñecer a riqueza paisaxística e patrimonial do municipio de Cualedro o vindeiro día 17 de setembro, cun traxecto de dificultade media baixa de 18 quilómetros por camiños de terra. A presentación desta cita deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou a deputada provincial –e concelleira de Xinzo de Limia–, Montserrat Lama; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; a presidenta da Asociación de Senderismo Ruta das Augas, Amaya Álvarez; e o colaborador do Concello de Cualedro, Eduardo Castro.

Ata o momento xa se conta con máis de 100 inscritos e inscritas.

Montserrat Lama remarcou o compromiso da Deputación de Ourense co deporte e co fomento da vida saudable a través deste tipo de iniciativas e asegurou que "o percorrido desta proba permite aos participantes non só gozar do deporte senón tamén do patrimonio natural e histórico deste municipio ourensá".

Pola súa parte, o alcalde de Cualedro dixo que o obxectivo desta iniciativa é "dar a coñecer os recursos paisaxísticos e turísticos do noso municipio". 

A saída da andaina será ás 9:00 horas desde A Chaira por terras da Xironda e rematará no mesmo lugar. A participación na andaina é gratuíta e os interesados poderán anotarse no Concello de Cualedro –988424004– ou na tenda Multisport de Verín –600410018–, ata o vindeiro sábado, 16 de setembro.