lunes 26.08.2019

A tempada de pesca fluvial galega de 2019 comeza o vindeiro 17 de marzo e rematará o 31 de xullo

Con carácter xeral, decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos e, como en tempadas anteriores, os xoves non festivos só se poderá practicar a pesca sen morte

A tempada de pesca fluvial galega de 2019 comeza o vindeiro 17 de marzo e rematará o 31 de xullo

A tempada de pesca para o ano 2019 na Comunidade autónoma galega comezará o vindeiro 17 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG), tal e como adiantou esta mesma semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Trátase da orde anual na que se definen as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas continentais de Galicia, de acordo co previsto no Regulamento de pesca fluvial de Galicia (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

Entre as novidades destacables, a creación de días novas zona de adestramento no río Miño, na zona de Outariz, na súa marxe dereita e na zona de Rexa, na súa marxe esquerda ao seu paso polo Concello de Ourense; e no lugar A Ponte de Outeiro, augas arriba do límite superior do couto Terra Chá, ao seu paso polo Concello de Lugo. Así, o número de zonas de adestramento elévase a tres.

Outra das novidades é a inclusión do encoro de Cachamuíña, no Concello de Pereiro de Aguiar en Ourense, dentro das zonas habilitadas para a pesca de especies exóticas invasoras, como unha medida de para o control e erradicación de determinadas especies invasoras, como perca americana común (Micropterus salmoides), carpa (Cyprinus carpio), cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii) e cangrexo sinal (Pacifastacus leniusculus). Asemade, a orde que se publica hoxe recolle a decisión do Comité de Pesca de Galicia de reaxuste dos cupos por especie, coa finalidade equiparar aos cupos de comunidades limítrofes e como medida de control de sobreexplotación dos recursos.

Salmón

O período hábil para a pesca do salmón irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas de captura. Nos tramos compartidos do río Eo a tempada rematará o 15 de xullo.

A cota de captura está establecida nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. A cota anual no río Lérez será de 5 salmóns, mentres que no Ulla serán 50. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmeán. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.

En relación cos engados, poden ser naturais autorizados como as miñocas e quisquillas, ou artificiais que son construídos imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar. Estes poden ser a mosca artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Para a pesca sen morte do salmón no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial con anzol sen arponciño.

A pesca do reo

A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:

- Coutos de Betanzos, Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e Xuvia: a tempada rematará o 30 de setembro.

- Couto de Lambre: prorrógase ata o 15 de setembro.

- Nos coutos Pontevea, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30 de setembro só se permitirá a modalidade de pesca sen morte. No caso de Ponte Arnelas, o período de pesca sen morte vai do 1 ao 30 de setembro.

Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmos que no caso do salmón ao que se suma o risco. No que respecta aos engados naturais, permítense todos agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural, e nas augas salmoneiras non se permiten os cebos naturais agás os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.

Captura da troita

Para esta especie a tempada comezará o 17 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.

Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.

Outras especies

A pesca sobre especies exóticas invasoras axustarase ao establecido no Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, modificado por sentenza do Tribunal Supremo do 16 de marzo de 2016. Na normativa que publica hoxe o DOG tamén se aclaran as condicións da captura dos ciprínidos, que manteñen o mesmo réxime que o da anterior tempada.

Xornadas hábiles

Tal e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só se poderá pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto 18 de abril (Xoves Santo) e o 17 de maio (Día das Letras Galegas), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de Meteogalicia.

A tempada de pesca fluvial galega de 2019 comeza o vindeiro 17 de marzo e rematará o 31...