lunes 26.08.2019
Programa electoral de XINZO ADIANTE( XA)

“121 MEDIDAS PARA QUE XINZO AVANCE”

foto grupal de Xinzo Adiante 2
foto grupal de Xinzo Adiante 2

Este é o programa que a formación Xinzo Adiante propón para a gobernación do Concello de Xinzo de Limia.

PROGRAMA ELECTORAL DE XINZO ADIANTE

“121 MEDIDAS PARA QUE XINZO AVANCE”

O FUTURO DE XINZO DECÍDELO TI

 

TRANSPARENCIA, EQUIDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ DIRECTA

Auditoría das contas e da débeda pública e exposición das mesmas ante a cidadanía.

Elaboración dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) do concello: definición das necesidades concretas do persoal e das funcións de cada posto de traballo público.

Participación cidadá directa na elaboración dos orzamentos municipais, mediante asembleas de barrio e parroquia, para que os veciños indiquen en que queren que invistamos parte dos cartos de todas/os.

Revisión e redistribución das taxas e impostos municipais, de modo que sexan xustos e equilibrados, en función do consumo de cadaquén e dos servizos recibidos.

Revisión do I.B.I., para que sexa xusto e equilibrado: redución da fiscalidade a persoas con necesidade ou arrendamento con fin social. Discriminación positiva do medio rural.

Desenvolvemento da personalidade xurídica das parroquias e dos barrios da vila para o fomento da participación colectiva.

Impulsar con outros concellos a demanda dun novo modelo de financiamento das entidades locais, que contemple variables que encarecen os servizos (como o avellentamento ou a dispersión poboacional).

Creación do Consello Municipal, con representación dos barrios e das parroquias (a través da elección democrática de pedáneas e pedáneos), das asociacións veciñais e culturais, dos movementos sociais...

Impulsar a relación directa do Concello cos veciños: cada día á semana haberá dispoñible un membro do equipo de goberno no Concello para atender directamente aos cidadáns, queixas, suxestións…

Publicación anual da declaración de bens de todas as concelleiras/os

TRABALLO DIGNO E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO.

Creación dun Centro Comercial Aberto, de xeito que os comerciantes da vila, co apoio do Concello, poidan unir esforzos para ser máis competitivos e animen aos cidadáns a consumir (facer publicidade en común, promoción dos distintos produtos, sorteos...).

Fomentaremos e incentivaremos a apertura  de novos negocios, mediante exencións de tributos locais durante o primeiro ano de vida dos negocios.

Crearemos a Axencia Local de Promoción Económica que, entre outras cousas, axudará aos comerciantes e emprendedores con todo tipo de trámites administrativos e informaraos puntualmente das liñas de crédito existentes a todos os niveis, así como subvencións, promocións e outras iniciativas que se dean noutros concellos do País.

Revisaremos os impostos e taxas que pagan os emprendedores e comerciantes, procurando unha redistribución xusta dos mesmos, adecuada á realidade.

Procuraremos financiamento para acometer unha ampliación do Polígono Industrial urxentemente, facilitando solo para que se instalen empresas, abaratando o seu prezo ou cedéndoo directamente, coa condición de que contraten a cidadáns do noso municipio. E chegaremos a un acordo con XESTUR para a cesión da xestión do Polígono Industrial ao concello.

Converteremos o noso concello nun referente no eido agrícola, gandeiro e forestal: trátase de favorecer a instalación de industrias transformadoras dos alimentos e da madeira que producimos. Isto creará moitos postos de traballo.

Crearemos un Banco de sementes municipal.

Crearemos na praza de abastos un mercado de produtos de proximidade, non só relacionados coa alimentación.

Fomentaremos o asentamento de xente nova no rural, creando un viveiro de empresas para o rural e un Banco de Terras Municipal.

Estableceremos un programa de emprego municipal para persoas en situación de exclusión, así como programas específicos para as/ mozos que abandonan o sistema educativo.

Demandaremos á Xunta de Galicia novos ciclos de Formación profesional, relacionados coa economía da nosa comarca: Xestión de residuos agrogandeiros, Tratamento de augas e Hostelería.

Fomentaremos o autoemprego, o emprendemento e o cooperativismo entre a xente nova, mediante a realización de actividades formativas, relacionadas co autoemprego e o cooperativismo. Colaboraremos desde o concello con estudos de mercado e impulso de iniciativas que aposten polo traballo digno e estable.

Promoveremos as iniciativas de economía social e solidaria e terán bonificación nos procesos de contratación municipal.

Crearemos unha Mesa polo emprego e a inclusión social, integrada polo concello, asociacións empresariais e organizacións que traballan a prol da inclusión.

Crearemos un viveiro de empresas: Trátase de pór as instalacións municipais ao servizo da cidadanía. Hoxe en día hai locais municipais infrautilizados e mesmo en desuso. Trátase de acondicionar estes lugares, con puntos wifi, mesas e material de oficina e poñelo ao servizo dos emprendedores que se queiran instalar, cobrándolles un aluguer simbólico. Para isto, urbanizaremos a parcela que o concello ten no Polígono Industrial, para construír as infraestruturas necesarias para o viveiro de empresas, a asociación de empresarios e un centro interxeracional –gardería e centro de día- para fomentar a conciliación da vida familiar e laboral para as persoas que traballan no polígono.

Elaboración dun Plano de Desenvolvemento Rural, que defina a situación actual e as nosas posibilidades de desenvolvemento, ademais de dotar de asesoramento técnico aos actuais ou futuros proxectos económicos.

Crearemos un Consello Económico e Social, onde participen os sectores máis activos e dinámicos da sociedade limiá para deliberar as estratexias de desenvolvemento precisas para dotar de futuro o noso concello.

Adherirémonos á Rede de Mulleres Emprendedoras, para favorecer o autoemprego feminino.

ENTROIDO, FESTEXOS, TURISMO  E PATRIMONIO

 

Potenciaremos Xinzo de Limia como destino turístico, promocionando non só o seu Entroido e a Festa do Esquecemento, senón toda a riqueza natural e artística do municipio. E apostaremos pola posta en valor do treito do Camiño de Santiago que descorre polo noso municipio.

Asinaremos convenios de colaboración con outros concellos da Limia para potenciar a comarca como destino turístico, incidindo na súa riqueza etnográfica, paisaxística, artística. Con isto, favorecemos a creación de emprego no sector hosteleiro e turístico.

Catalogaremos o noso patrimonio histórico, cultural e natural e elaboraremos un plan de conservación do mesmo. Poremos en valor o Mosteiro de Trandeiras e a Torre de Pena.

Crearemos rotas turísticas e traballaremos para o acondicionamento de ambas as marxes do río Limia en todo o tramo que discorre polo concello.

Procuraremos a implicación da sociedade e das empresas no deseño da estratexia turística desde a Comision Municipal de Turismo (concello-veciños-hotalería-comercio).

Potenciaremos o turismo sostible e de calidade.

Elaboración de guías de visita para os turistas, sinalización e elaboración de paneis explicativos para os principais activos turísticos do noso concello.

Fomentaremos a investigación sobre o noso patrimonio material e inmaterial.

Elaboraremos materiais didácticos para incorporar a realidade cultural e patrimonial do noso concello aos centros educativos de primaria e secundaria da nosa vila. O coñecemento do noso redunda na súa posta en valor, promoción e conservación.

Partida específica de apoio ás actividades culturais realizadas polas parroquias e as asociacións en relación coa posta en valor e mantemento do noso patrimonio material e inmaterial.

Haberá unha Concellería de Entroido, Turismo e festexos.

Procuraremos novas opcións de ocio para a mocidade.

Colaboraremos activamente coas comisións de festas na organización das distintas festas parroquiais, as patronais da vila e a Festa do Esquecemento.

Crearemos o Patronato do Entroido, integrado polo concello, asociacións veciñais e culturais, que recollerá as achegas dos veciños para a planificación, organización e realización de todas as actividades relacionadas co noso Entroido, festa limiá por excelencia. Demandaremos a colaboración cidadá na organización do Entroido, sen esquecer que é o concello o máximo responsable no tema.

MEDIO AMBIENTE E  MEDIO RURAL.

Actuaremos contra os vertedoiros ilegais, aplicando as sancións máximas que contemple a lei contra os infractores.

Instalaremos puntos de compostaxe en distintos puntos do concello para fomentar esta práctica.

Limpar as antigas rotas, coidar as existentes e mesmo crear novas rotas de sendeirismo, así como unha rede de “carril bici”, fomentando así hábitos de vida saudables. Para iso, tamén poremos en marcha un servizo municipal de aluguer de bicicletas eléctricas.

Procuraremos aproveitar as instalacións municipais para levar a termo cursos ou campamentos de verán para os xoves, achegando os costumes e tradicións da Limia á mocidade.

Realizaremos un estudo sobre o estado das pistas agrícolas, cunetas e canles de rego e estableceremos un plan de conservación dos mesmos.

Defenderemos o noso sector agro-gandeiro ante a administración autonómica e estatal, procurando que estas adopten as solucións necesarias para paliar os problemas que afronta o sector.

Estableceremos un Plan de repoboamento do rural con medidas que aseguren o acceso á vivenda, transporte e ás novas tecnoloxías, para rematar coa fenda dixital entre a vila e o rural.

Adoptaremos medidas  de redución, reutilización e reciclaxe de refugallos.

Esixiremos a VIAQUA a revisión e perfecto funcionamento das depuradoras de todos os núcleos de poboación do concello.

Renegociaremos o convenio con VIAQUA, que só beneficia á empresa e supón un prexuízo económico para a cidadanía.

Buscaremos financiamento para establecer Plans de restauración de vivendas no rural, a cambio de que os seus propietarios vivan nelas ou as poñan en réxime de aluguer, para así asentar poboación nos núcleos rurais. Estableceremos un aluguer social para a mocidade empadroada no concello que se instale no noso rural.

Fomentaremos o subministro e uso das enerxías renovables –comezando polos edificios de titularidade municipal e elaboraremos un plan de aforro e optimización enerxética.

Revisaremos os sumidoiros e reformaremos as redes de saneamento para evitar cheiros e as inundacións que se producen frecuentemente nalgunhas rúas.

Continuaremos apoiando aos veciños de Parada de Ribeira na súa loita contra a Planta asfáltica e poremos ao seu servizo todos os recursos técnicos e administrativos do concello.
 

      BENESTAR ANIMAL

 

Solicitaremos que a canceira sexa unha protectora, na que colectivos de voluntarios que traballan polo benestar animal  colaboren na súa xestión e traballo diario no coidado dos animais.

Creremos un parque para cans, onde poidan xogar e realizar as súas necesidades.

Activaremos unha campaña para fomentar a adopción de animais abandonados.

 

IGUALDADE, BENESTAR E ATENCIÓN Á XUVENTUDE E Á TERCEIRA IDADE

Poremos en marcha para a xente maior un servizo concertado de transporte para ir ao médico e acudir ás feiras.

Estenderemos os servizos de atención domiciliaria (limpeza, xantar a domicilio) a todas a s persoas maiores que o precisen.

Realizaremos actividades de ocio lúdico-culturais por parroquias (obradoiros de lectura, teatro, manualidades, ximnasia, baile...).

Asumiremos os compromisos da Rede Galega de Loita contra a Pobreza para unha aposta decidida para a inclusión social e a redución da probreza.

Promoveremos o emprego dunha linguaxe inclusiva desde a administración, para alén de impulsar campañas de sensibilización contra calquera tipo de discriminación.

Subvencionaremos o comedor escolar aos nenos do rural que son usuarios do transporte escolar.

Estableceremos un plan de formación especializada en violencia de xénero aos traballadores municipais.

Elaboraremos un Plan de Emerxencia Social, para loitar contra a pobreza en familias con nenos e nenas e atender as familias monoparentais, asegurando alimentación e educación de 0 a 3 anos gratuíta.

Apoiaremos a creación dun Banco de Tempo e colaboraremos coas redes de solidariedade impulsadas pola sociedade limiá.

Crearemos unha rede de voluntariado para acompañar ás persoas maiores que viven soas.

Realizaremos obradoiros de educación social.

Habilitaremos o espazo detrás da Casa da Cultura para o uso público de nenos e maiores, para a realización de actividades, que estará pechado polas noites para evitar trapicheos e botellóns.

Elaboraremos un Plan de Accesibilidade, para a eliminación das barreiras arquitectónicas.

Reclamaremos ás administracións autonómica e estatal o mantemento dos servizos públicos no rural –educación, sanidade, atención á dependencia, transporte-.

Poremos en marcha un plan contra o trapicheo e o vandalismo, en colaboración coas forzas de seguridade.

Solicitaremos a construción dunha Residencia de Maiores pública.

 

 

EDUCACIÓN, CULTURA E DEPORTE: PROGRAMACIÓN CULTURAL CONTINUADA.

Fomentaremos a realización de actividades e competicións deportivas de carácter supramunicipal e fomentaremos o deporte base, que suporá un importante motor económico para Xinzo de Limia.

Realizaremos unha xestión adecuada das instalacións deportivas: chegaremos a un acordo cos IES e CEIP da vila, para abrir as súas instalacións deportivas polas tardes e as fins de semana; así como das outras instalacións.

Elaboraremos un Plan de mantemento, racionalización e optimización das instalacións deportivas –pavillón, piscinas e campo da Moreira- e asumiremos desde o concello a xestión da piscina exterior, con horarios flexibles, adaptados ás necesidades dos usuarios.

Crearemos o  Consello Municipal de Deportes. Nel estarán representados o Concello (Concelleiro/a de Deportes), así como as distintas asociacións e entes deportivos existentes. Tamén os CEIP e IES de Xinzo. Con xuntanzas trimestrais, este consello analizará a oferta deportiva existente e proporá todas as actuacións que estime oportunas no eido deportivo, entre elas:

a.- Convenios para a utilización das instalacións deportivas dos centros educativos en horario extraescolar.

b.- Apoio ás Escolas Deportivas para desenvolver cualificadamente programas de animación ao deporte e á actividade física da poboación.

c.- Favorecer o transporte dos rapaces nas fins de semana para participaren en actividades deportivas.

Colaboraremos coas distintas Asociacións Deportivas existentes, na procura de recursos para o seu financiamento, así como na promoción das súas actividades.

Fomentaremos e colaboraremos para que as asociacións de ocio e tempo libre presenten proxectos á Xunta para acoller campamentos de verán de carácter autonómico e estatal, financiados por estas administracións.

Fomentaremos o uso da bicicleta como medio de trasporte alternativo (carrís bici e rotas).

Faremos unha programación cultural anual densa e continuada no tempo, procurando elaborar esta programación a dous niveis: unha parte de actividades anuais fixas (festas, Entroido, esquecemento, día do libro, día dos dereitos da Infancia, Letras Galegas...); e outra variable, en función da oferta que exista en cada época do ano.
Dentro desta programación tamén se terán en conta as distintas parroquias e núcleos de poboación do Concello, aos que se lles achegarán as actividades que se programen. Trátase de equiparar as condicións de acceso ás actividades culturais entre o rural e a capital municipal.

Potenciaremos a oferta da Escola de Música, así como do Conservatorio, tratando de implicar activamente as distintas administracións no seu financiamento, para facer deste conservatorio un referente a nivel provincial.

Fomentaremos a celebración de eventos musicais (música tradicional, clásica, actual...).

Promoveremos a celebración dun Festival de música interxénero en galego, con carácter anual.

Potenciaremos as bandas municipais e a escola da música e procuraremos axudas para que actúen nas festas das parroquias.

Estableceremos axudas e fomento de actuacións de grupos locais e/ou con participación de veciños do concello.

Dotaremos dun orzamento anual para libros a Biblioteca pública.

Realizaremos campañas de animación e fomento da lectura.

Impulsaremos un Banco solidario de libros para o empréstito entre particulares, xestionado pola biblioteca municipal.

Crearemos o Consello da Cultura, cuxas primeiras encomendas serán o estudo da viabilidade e das posibilidades para a celebración dunha Feira do Libro anualmente e elaborar un estudo ou inventario que determine os inmobles do concello aproveitables para realizar as actividades culturais tamén nas parroquias.

Aula de teatro ou cursos de teatro segundo a demanda.

Estableceremos espazos públicos habilitados e regulados para a creación artística.

Elaboraremos un Plan de Normalización Lingüística municipal, elaborado de xeito participativo coa veciñanza e para frear a perda de falantes, a transmisión interxeneracional e a galeguización plena da vida municipal, así como para asesorar a nivel lingüístico a empresas, asociacións e veciños que así o desexen.

Crearemos especificamente unha Concellería de Cultura, Mocidade e Normalización Lingüística e integraremos o concello na Rede de Dinamización Lingüística.

Promoción das denominacións tradicionais das rúas, así como unha feminización dos nomes das rúas da vila.

Traballaremos a prol da visibilidade da lingua galega nas accións de difusión enfocadas ao turismo, como un valor propio nun mundo plural e plurilingüe.

FOMENTO DO ASOCIACIONISMO.

Dende o Concello potenciaremos a creación de asociacións (xuvenís, culturais, veciñais) como entes participativos da cidadanía.

Crearemos o Consello Veciñal Municipal, que se reunirá cada tres meses: nel estarán representadas todas as asociacións do Concello e o/a alcalde/esa e a súa finalidade consistirá en realizar todo tipo de propostas no ámbito cultural e asociativo, para que sexan recollidas polo Concello e tidas en conta á hora de elaborar os orzamentos e plans de actuación.

Poremos en marcha unha oficina de apoio ás asociacións do concello con medios e asesoramento para a solicitude de subvencións e  para cuestións burocráticas.

Estableceremos baremos obxectivos na concesión de subvencións a entidades locais atendendo a criterios de importancia cultural, económica e os valores de inclusión, cooperativismo e asociacionismo.

SANIDADE E SAÚDE PÚBLICA

Reclamaremos á Consellería o mantemento de dous pediatras durante os meses do verán.

Desenvolveremos campañas de concienciación sobre hábitos saudables.

Programas de concienciación sobre os abusos dos produtos tóxicos no fogar e talleres de alternativas ecolóxicas.

NOVAS TECNOLOXÍAS

Crearemos programas de divulgación e coñecemento da informática e das redes sociais.

Demandaremos á Xunta de Galicia a posta en marcha das infraestruturas xa construídas –pero non utilizadas- para estender internet a todos os núcleos rurais.

Ampliaremos o uso e a oferta formativa da aula de informática.

 

 

INFRAESTRUTURAS E URBANISMO

Demandaremos financiamento ás administracións provincial, autonómica e estatal para a construción dun auditorio.

 Esixiremos que se execute a prometida circunvalación, para quitar o tráfico pesado da vila, a partir da Pista Zepetal II (última rotonda Avda. de Ourense).

Crearemos aparcamentos disuasorios en varios puntos da vila.

Demandaremos axudas das administracións para o paulatino saneamento e abastecemento de augas das parroquias.

Priorizaremos as demandas de arranxo das estradas que vertebran o concello.

Estudaremos e implementaremos solucións, con participación cidadá, para evitar excesos de velocidade no casco urbano.

Racionalización do tránsito municipal e un plan de reparación e mantemento das rúas públicas, en todos os barrios, comezando polos máis abandonados, como o Barrio do Polígono.

Traballaremos pola humanización e embelecemento de todos os barrios da vila, e completaremos as infraestruturas básicas das que carecen determinados barrios.

Solicitaremos á Xunta de Galicia o traspaso ao concello da Avenida de Portugal e da rúa Dous de Maio; ao Estado o traspaso da Avenida de Ourense e da Avenida de Madrid; e á Deputación a rúa Curros Enríquez, para poder acometer os traballos de humanización das rúas, creación dos carrís bici...

 Elaboraremos un Plan de Mantemento dos parques infantís, adecuándoos á actual lexislación.

Daremos visibilidade ao Barrio de Abaixo. Adherirémonos ao Plan para a rexeneración urbana dos cascos antigos e acometeremos o soterramento do cableado da luz, así como xestionaremos axudas á rehabilitación de edificios.

Procuraremos financiamento para a construción da Cidade do Deporte, con infraestruturas varias e un novo pavillón acorde coa demanda deportiva existente.

Revisaremos o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), para adaptalo á realidade actual do noso municipio.

Comentarios