Sábado 23.03.2019

José Manuel Castro repetirá como candidato do PP en Blancos

O candidato fixo un notable esforzó na xestión municipal, dixo o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, “que confío sexa recompensado cunha maioría absoluta máis para unha persoa que defendeu, con moita intensidade, a fiabilidade do proxecto popular”.

José Manuel Castro Blanco (Os Blancos, 1969) encabezará de novo a lista que o Partido Popular presentará no Concello dos Blancos para as eleccións municipais de maio. Un novo reto que asume como continuación da política de estabilidade desenvolvida nestes anos. Un notable esforzo, dixo o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, que confía “sexa recompensado cunha maioría absoluta máis para un candidato que defendeu, con moita intensidade, a fiabilidade do proxecto popular”.

Presentacion.Candidato.Os.Blancos.2019.webHai oito anos, José Manuel Castro aceptou o reto de poñerse á fronte da candidatura do Partido Popular nos Blancos, conseguindo unha primeira maioría que revalidaría nas seguintes eleccións de 2015.
Neste tempo, o principal obxectivo do rexedor, e agora de novo candidato, foi recuperar a estabilidade financeira do concello, “xa que nos atopamos cunha situación moi complicada que requería planificar e priorizar ao detalle calquera acción de goberno”. Con todo, afirmou, “fixemos un grandísimo esforzo que, por exemplo, se reflectiu no ámbito dos servizos sociais”.
Explica o candidato que grazas a esta coidada xestión “podemos contar cunha casa niño, unha casa do maior e un circuito de benestar bastante completo, onde a atención social comeza desde o mesmo instante en que recibimos unha consulta ou solicitude, de tal xeito que nin temos lista de espera”.
Con todo, engadiu o candidato, “non deixamos de favorecer a creación das condicións necesarias para que se siga a desenvolver a agricultura intensiva, que é a actividade económica de maior peso no concello, e de feito só nos resta poñer en marcha a concentración parcelaria nun tercio do territorio”.
Cara un próximo mandato, José Manuel Castro asegura que coa estabilidade financeira “chegará o momento de comezar a planificar a execución das obras que precisa o concello e a veciñanza, así como poñer en valor os recursos turísticos que temos, no que ademais xogará un papel moi importante o plan xeral de urbanismo, que xa conta coa aprobación provisional e só está pendente do visto bo da Xunta”.

O traballo e o esforzo, dixo pola súa banda o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, “son os sinais de identidade do candidato e das persoas que lle acompañaron no seu equipo de goberno, comprometidos coa búsqueda de solucións para unha complexa situación económica que precisou da axuda da Deputación provincial”.

José Manuel Castro, afirmou o presidente popular, “demostrou ser en todo este tempo unha persoa fiable, non só pola súa xestión municipal, senón tamén para os veciños, cos que soubo conectar e confío plenamente que volverá facelo para obter o seu respaldo maioritario”.