Dende a Limia
16:12 h. Jueves, 29 de Junio de 2017

Chus Pato: "A min encantaríame que a normativa fora a portuguesa"

O. Ferreiro | 30 de Abril de 2017 (20:48 h.)
Chus Pato (Ourense, 1955)
Chus Pato (Ourense, 1955)

Unha fermosa casa rural do concello limián de Rariz de Veiga foi o escenario que reuniu, nun xantar fraterno, a máis de dunha ducia de escritores e escritoras, historiadores e mesmo algunha deputada; logo de teren homenaxeado ao limián máis ilustre: o Carlos Casares. Antón Riveiro Coello, o mestre Gonzalo Sueiro, Delfín Caseiro... e, entre moitos homes, unha muller que no vindeiro setembro se converterá na única ourensá –e oitava muller– en formar parte da Real Academia Galega. 

Chus Pato (Ourense, 1955) é unha das poetas máis lidas e recoñecidas das nosas letras. Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce como mestra de ensino secundario no IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín. Membro do PEN-Club e das Redes Escarlata, a súa poesía está considerada como unha das máis modernas e persoais da literatura actual. Con poemarios traducidos ao inglés, ao portugués, ao castelán, ao holandés ou mesmo ao búlgaro, foi elixida académica de número o pasado mes de novembro. Mais a súa entrada na institución cutural máis importante do país non se concretará ata final de ano. 

Que supón para ti, a nivel persoal, entrar na Real Academia Galega?

A RAG non está a ocupar o lugar que lle corresponde porque se trata da Academia dun país que tampouco ocupa o lugar que lle corresponde.

En primeiro lugar supón unha emoción moi fonda. Cando sabes que vas entrar na Academia, produce un forte atordoamento. Fiquei bastante conmocionada nun comezo. Logo vai pasando o tempo, vaste facendo á idea e pensas moitas cousas. Mais todas esas cousas resúmense nunha, que é un afondamento do compromiso que sempre tiven coa lingua e con Galicia. Moitas veces sínteste como presa, e estás farta de pertencer a un idioma e un país coma este. A miúdo pensas que che gustaría ser cidadá dun país un pouco máis normal. Mais aceptando este nomeamento, o compromiso adquirido fai que xa sexa imposible marchar. Non é que eu tivera moitas posibilidades de me marchar. E tampouco se trata de algo que eu quixera. Mais sabes que isto é algo que te vai acompañar o resto da túa vida e penso seguir sempre con ese compromiso.

Consideras que o recoñecemento e prestixio que a RAG ten hoxe na sociedade galega é o adecuado e o que a institución merece? Ou coidas que se debería afondar nun maior recoñecemento institucional?

É unha pregunta moi intelixente e interesante. Eu penso que Galicia é un país que, dende hai moitísimo tempo, leva unha deriva de enorme desafecto cara todo aquilo que lle é propio. É un país que se empeña, unha e outra vez, en referendar co seu voto políticas culturais e identitarias que nunca reforzan o que nos é propio. Nese senso, vimos chegando a estes momentos nos que xa hai xeracións que realmente non coñecen o galego. Esta perda do idioma vai acompañada coa perda de todo un proceso de diferenciación e identidade, que arrastra consigo a todas as institucións culturais. Eu supoño que a Real Academia Galega non lle importa á maior parte dos galegos e galegas, igual que tampouco lle importa o idioma ou ter institucións propias. Mesmo hai un problema de descoñecemento. Coido que a RAG non está a ocupar o lugar que lle corresponde porque se trata da Academia dun país que tampouco ocupa o lugar que lle corresponde. Poderiamos dicir que o lugar que lle corresponde a Galicia está baleiro ou está ocupado por fantasías e políticas nas que eu non me sinto representada. Si que hai un respecto polas institucións culturais, mais iso debería ir acompañado por un maior respecto tamén cara a nosa literatura. Estamos hoxe aquí homenaxeando a Carlos Casares e, relendo eu a novelística de Casares, pregúntome canta xente neste país leu as súas obras. Máxime cando se trata dun autor que podería ser lido por unha enorme cantidade de galegos e galegas. O papel da RAG ao igual que o de todo o que nos é propio, xa que logo, está baleiro.

Nos últimos anos a RAG foi máis noticiable por cuestións orgánicas e loitas internas que polo seu papel institucional para coa sociedade e a lingua. Ata que punto a RAG debe facer autocrítica nese senso?

Neste momento todas as forzas nacionalistas, absolutamente todas, e esa enorme cantidade 170de persoas de esquerdas e galeguistas, que son máis de 300.000, deben facer unha profunda autocrítica. Non se pode seguir así. Ti pregúntasme pola RAG, mais eu non podo desvinculala do contexto. Estamos chegando a un punto cero no que xa case non hai posible diálogo. Como cidadá sinto que ou imos cara un pacto no que nos recoñezamos realmente. Un pacto de recoñeceento mutuo do esforzo e o traballo que leva facendo o outro nestes últimos 40 anos que levamos camiñando dende a democracia. Senon facemos esa autocrítica e camiñamos dende un senso dialogante, non imos facer nada. O que pasou na Real Academia con todo o affair Ferrín é moi triste. É aí cando a xente se enterou de que había unha Academia. Que un país se teña que enterar da súa existencia porque se acusa de prevaricación ao seu presidente, un señor como Xosé Luis Méndez Ferrín, é unha xogada maxistral da dereita. Tamén dentro da RAG hai que sentarse, falar e recoñecer o traballo de todos e todas.

Pasa ese recoñecemento por superar esa imaxe de vinculación da institución co movemento nacionalista ou galeguista de esquerdas? Debería a Real Academia achegarse ao conxunto da sociedade civil galega traspasando muros ideolóxicos e políticos nos que, voluntaria ou involuntariamente, está encadrada?

O ruído mediático xerado en torno á figura de Ferrín foi unha xogada maxistral da dereita.

Si, evidentemente. O que ocorre é que iso non pode ocorrer se continúa a haber un bloqueo por parte de quen goberna. É evidente que a Real Academia ten que ser a de todos os galegos e galegas. Pero, ou ben o PP se transforma e se fai nacionalista ou, canto menos, adquire senso de país, ou iso é imposible. 

Mais hai unha realidade sociolingüísica no país e é que a meirande parte dos galegofalantes non son precisamente votantes nacionalistas e de esquerdas. 

É evidente que se ten que homenaxear a máis escritoras. 

Si, está claro que son do PP maioritariamente. Hai unha franxa xeneracional dende os 90 ata os 50 que son maioritariamente galegofalantes. Eu coñezo moita xente nova que ten uns cristos cos avós tremendos porque non soportan que voten ao PP. Trátase dunha realidade complicada de analizar e máis de cambiar. E é que o Partido Popular forma parte de Galicia, está formado por galegos e é unha realidade que está presente. É pedirlle moito á RAG que desarticule esa pinza. 

Coa túa entrada aumenta a cota de mulleres presentes na Real Academia Galega, mais segue a ser insuficiente. E neste senso, tamén se reclama que se homenaxee, polo Día das Letras Galegas, a multitude de escritoras galegas que aínda non recibiron o seu merecido recoñecemento. Débese facer tamén autocrítica a este respecto?

Non podemos convivir con dúas normativas ortográficas.

Se comparamos a Real Academia con outras institucións da súa xenética, resulta que a nosa non está tan mal situada. As 7 mulleres que hai agora na institución supoñen, porcentualmente, unha situación mellor ca de outras academias. Por outro lado, hai unha cousa que é evidente: a Real Academia Galega non é a rúa. Tampouco lle pidamos o que non pode dar. Dito isto, é evidente que vai por detrás da sociedade galega. Galicia evoluiu e as mulleres, sen ter chegado nin remotamente á igualdade, están mellor situadas na sociedade do que se reflicte na institución. Con respecto ao Día das Letras Galegas, todo o mundo defende a súa proposta como se fora a mellor. Mais as Letras Galegas son o que son. E a homenaxeada ou homenaxeado deben decidila os académicos. Agora ben, é evidente que se ten que homenaxear a máis escritoras. 

Dende o ano 2003, coa última reforma ortográfica, diversos sectores da sociedade veñen afirmando que non houbo ningún novo achegamento ao reintegracionismo por parte da institución. É máis, Alonso Montero, mesmo chegou a declarar que, se pola súa vontade persoal fose, volveríase á normativa anterior. Débese camiñar nun futuro cara a confluencia ortográfica ou podemos convivir con dúas normativas?

Eu non son filóloga. Mais, dito isto, eu penso que o galego e o portugués son o mesmo idioma, matizando que o galego é a matria e o portugués unha derivación. Convivir con dúas normativas? Pero, por Deus, se estamos a perder falantes por todas as esquinas. Que haxa editoras que publiquen nunha ou noutra normativa, a min dame igual. Pero se penso no ensino, de ningunha maneira se poden recoñecer as dúas normativas. Mais... que é o que me gustaría a min? A min, persoalmente, encantaríame que a normativa fora a portuguesa. Pero claro, teriamos que falar doutro país.